UN BURACO NEGRO "VORAZ"
Simulación da fonte ultraluminosa ULX P13 / Tom Russell (ICRAR) /Rob Hynes (Louisiana State University)
Hai tres décadas, un telescopio espacial detectou un tipo de obxecto descoñecido que brillaba en raios X máis que calquera estrela. Sen ter claro de que se trataba, estes obxectos foron bautizados como fontes X ultraluminosas ou ULX. Agora, un grupo de científicos logrou descifrar o misterio: o que está detrás de tanto fulgor é un burato negro como se esperaba, pero sorprendentemente pequeno dunhas quince masas solares. O que acontece é que xera tanto brillo porque é tremendamente voraz, “come” a materia circundante cunha avidez maior do habitual.
ULX P13 (como se chama a fonte ultraluminosa observada) emite tanta enerxía porque alberga un burato negro que come dez veces máis rápido do que se cría posible. Atópase a 12 millóns de anos luz da Terra, non é un obxecto, senón dous: unha parella formada por unha estrela superxigante con 20 veces a masa do Sol e o burato negro. Este último completa unha órbita en torno á estrela en 64 días, mentres absorbe parte da masa da súa compañeira. Esa materia que o burato tan rapidamente devora é a causa da gran luminosidade do sistema: os buratos negros en si non brillan, pero si o fai, e moito, a materia que se acelera e quenta mentres cae, “como nun último berro antes de ser absorbida polo sumidoiro cósmico”.
ULX P13 é unha fonte moi brillante en raios X, moito máis luminosa que os buratos negros que hai na nosa propia galaxia. O que a fai dobremente especial é que a estrela que alimenta o sistema é tamén máis brillante que noutras ULX. Por iso puideron entender a natureza do sistema e medir a rotación de ambos os dous.
Estes buratos negros medianos son moi buscados porque os modelos actuais de formación de estruturas no Universo predín a súa existencia, pero aínda non se detectou ningún con certeza. Pero, por que o burato negro observado devora tan rapidamente o gas da súa estrela compañeira? A explicación máis probable, aseguran, é que a rápida expansión da estrela compañeira superxigante “sobrealimente” ao burato negro, forzándolle a tragar materia por enriba do que é habitual.
FONTE: Xornal abc/ciencia
0 comentarios