Blogia
vgomez

MAÑÁ CHEGA A CERES A SONDA DAWN

MAÑÁ CHEGA A CERES A SONDA DAWN

Imaxes do planeta anano Ceres tomadas pola nave “Dawn”, o pasado 19 de febreiro, dende unha distancia duns 46.000 quilómetros / NASA/JPL-Caltech/UCLA/MPS/DLR/IDA

A sonda espacial Dawn, da NASA, prepara a súa chegada ao planeta anano Ceres, un corpo de 950 quilómetros de diámetro (fronte aos 12.742 quilómetros da Terra) que pertencente ao cinto de asteroides que hai entre Marte e Xúpiter.

Será mañá, venres, segundo o plan previsto, cando a sonda automática se poña en órbita deste obxecto do Sistema Solar, para estudalo de preto durante un ano.

A Dawn, que partiu da Terra en setembro de 2007, explorou durante 14 meses (dende xullo de 2011 ata setembro de 2012) o grande asteroide Vesta, de 525 quilómetros de diámetro, antes de encamiñarse cara a Ceres. Será a primeira nave que terá estado en órbita de dous corpos do Sistema Solar. Ámbolos dous obxectos celestes son ben diferentes. Mentres Vesta é un corpo rochoso e moi seco, estímase que o 25% da masa de Ceres é auga.

O plan para a Dawn, que non esta deseñada para descender á superficie destes obxectos celestes, é que realice observacións e toma de datos arredor de Ceres, en órbita a diferentes alturas, coa máxima aproximación (375 quilómetros de altura sobre a superficie), prevista para o próximo novembro.

Dentro de aproximadamente un ano, rematará a misión Dawn e a nave quedarase, inactiva, como satélite de Ceres nunha órbita moi estable.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

0 comentarios