A CONTA ATRÁS DA SONDA MESSENGER
Recreación da sonda Messenger na órbita de Mercurio / University of Colorado Boulder
A sonda Messenger da NASA chegou a Mercurio en marzo de 2011 tras unha viaxe de sete anos e case 8.000 millóns de quilómetros, converténdose no primeiro artefacto humano en orbitar o planeta máis próximo ao Sol do noso sistema. Dende entón, os seus instrumentos realizaron detallados mapas da superficie deste mundo misterioso, estudaron a súa composición, o seu campo magnético e a súa case inexistente atmosfera, arrancando os segredos do planeta. Agora, chegoulle o seu final. A axencia espacial americana anunciou que a nave estrelarase contra a superficie de Mercurio o próximo xoves, día 30 a 12.000 quilómetros por hora tras esgotar o seu propulsor e cumprir a súa misión científica. A Messenger caerá no lado do planeta afastado da Terra, polo que os enxeñeiros non serán capaces de ver en tempo real a situación exacta do impacto.
Os operadores da misión na Johns Hopkins University Applied Physics Laboratory (APL) completaron a semana pasada a cuarta dunha serie de manobras de corrección de órbita deseñadas para atrasar o impacto da nave espacial contra a superficie de Mercurio. A última manobra realizouse o venres, día 24.
Aínda que Mercurio é un dos veciños planetarios máis próximos da Terra, o planeta era un misterio case absoulto antes da chegada da misión Messenger.
A primeira misión da nave cando alcanzou Mercurio foi orbitar o planeta e recoller datos durante un ano terrestre. O bo estado dos instrumentos, suficiente combustible e a aparición de novas preguntas serviron para deseñar dúas extensións da misión, ata completar case catro anos e varias primicias científicas.
Un achado clave proporcionou apoio convincente para a hipótese de que Mercurio alberga abundante auga conxelada e outros materiais volátiles nos seus cráteres polares permanentemente en sombra. Os datos indicaron que o xeo nas rexións polares de Mercurio sería de máis de dous quilómetros de espesor. Por primeira vez, os científicos comezaron a ver con claridade un capítulo na historia de como os planetas interiores, incluída a Terra, adquiren a auga e algúns dos compoñentes químicos básicos para a vida.
Unha capa escura que cobre a maior parte dos depósitos de xeo de auga apoia a teoría de que os compostos orgánicos, así como a auga, chegaron dende o exterior do sistema solar ata os planetas interiores e puideron dar lugar á síntese química prebiótica e, en consecuencia, á vida na Terra.
FONTE: Xornal abc/ciencia
0 comentarios