Blogia
vgomez

PHILAE ESPERTOU!

PHILAE ESPERTOU!

Recreación do módulo Philae / EFE

"Ola Terra, podes oírme?" Ese foi, na madrugada de onte, a primeira mensaxe que a sonda Philae, dende a superficie do cometa 67P Churyumov Gerasimenko, publicaba en Twitter despois de sete longos meses de letargo. Inmediatamente despois, seguía un segundo tweet, esta vez dirixido á súa nave ama Rosetta, que segue en órbita do cometa: "Canto tempo durmín?" Ao que a nave respondeu: "Tiveches un gran descanso, uns sete meses".

Os máis pesimistas dábano por perdido. E é que o módulo Philae, o primeiro enxeño humano deseñado para pousarse nun cometa, tivo o pasado 12 de novembro unha aterraxe máis accidentada do previsto. En efecto, tras desprenderse de Rosetta, que segue voando en paralelo ao 67 P Churyumov Gerasimenko a medida que este se achega ao Sol, Philae non puido agarrarse como estaba previsto á súa accidentada superficie. Varios dos seus sistemas de ancoraxe fallaron e o módulo, duns cen quilogramos de peso, rebotou varias veces ata deterse nun punto descoñecido e polo menos a un quilómetro do lugar elixido para a aterraxe.

A pesar diso, Philae logrou aparafusar ao chan polo menos unha das súas patas, e durante case sesenta horas, mentres lle durou a enerxía, estivo a enviar datos á terra. Por desgracia, cando o módulo deixou por fin de rebotar e detívose, fíxoo nunha zona de sombra, de modo que cando as súas baterías se esgotaron, non puido volver cargalas cos seus paneis solares. Philae entrou entón en hibernación, e así permaneceu durante os últimos sete meses.

Pero agora espertou. Dende novembro pasado, os responsables da misión viñan dicindo que, se había sorte, Philae podería volver cargar as súas baterías cando o cometa estivese mais preto do Sol. E así foi. Durante a súa aproximación ao Sol, en efecto, o cometa foi modificando a súa orientación con respecto ao astro rei, de forma que moitas zonas que antes estaban en penumbra se encontran agora iluminadas pola luz solar.

A misión segue!

FONTE: Xornal abc/ciencia

0 comentarios