Blogia
vgomez

A FALTA DE EDUCACIÓN MATA

A FALTA DE EDUCACIÓN MATA

Educación e saúde / rednovasalud.com

Cada vez existen máis evidencias de que o benestar e o bo estado físico non dependen só da Sanidade en si mesma, de cantas revisións nos fagamos ao ano, que tratamentos sigamos, ou a que hospital vaiamos, senón de que, en realidade, todo está conectado, e aspectos que a priori poden non parecer estritamente sanitarios, teñen tamén un importante efecto na esperanza de vida das persoas.
Un clásico na Saúde Pública é a teoría que relaciona o nivel educativo dunha persoa co seu estado de saúde: canta máis educación recibise alguén, máis san estará, e isto repercutirá en moitos aspectos da súa vida. Agora, un estudo realizado en Estados Unidos e publicado na revista PLOS ONE pon números a esta teoría, e sinala as mortes que se poden atribuír a un baixo nivel educativo. As cifras resultantes son, canto menos, rechamantes, tanto que os investigadores afirman que a falta de educación pode ser tan daniña como fumar.

As conclusións son que, se en 2010, os estadounidenses que non remataran o instituto o tivesen rematado, se poderían ter salvado 145.243 vidas. Para chegar a esta cifra, os autores calcularon primeiro o número de mortes entre persoas que non finalizaran o instituto, e despois, as mortes que terían acontecido entre esas mesmas persoas se tivesen as mesmas cifras de mortalidade que o grupo que si completara esta etapa educativa. A diferenza entre ambas as dúas cifras é o número de vidas que, potencialmente, se poderían ter salvado.

A pesar de que a evidencia existente sinala que unha parte da asociación entre mortes e educación pode ser casual, unha mellor educación asóciase a unha vida máis longa, porque aqueles que teñen maior nivel educativo son máis propensos a ter os recursos e o coñecemento para seguir uns comportamentos máis saudables, gañar máis diñeiro e vivir con menos estrés crónico.

Así, a educación repercute na nosa actitude fronte á saúde: cunha mellor educación mellora a resposta fronte á enfermidade, o paciente ten unha maior adherencia aos tratamentos e ás pautas terapéuticas. Ademais, as repercusións sociais da educación son amplísimas: unha mellor formación está ligada a un mellor traballo, e polo tanto, a un mellor salario. De feito, segundo cifras de UNICEF, un ano extra de educación tradúcese nun aumento do 10% nos ingresos da persoa.

FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia

0 comentarios