PREMIO FRONTEIRAS DO COÑECEMENTO DE CAMBIO CLIMÁTICO: VEERABHADRAN RAMANATHAN

Veerabhadran Ramanathan (IISD)
Cando Veerabhadran Ramanathan (Madurai, India, 1944) traballaba nunha fábrica de máquinas de refrixeración controlando que os gases non se escapasen dos aparellos, non imaxinaba que anos despois, e a 13.700 quilómetros de alí, el mesmo descubriría que os clorofluorocarbonos (CFCs) que tantos días tentara manter baixo control eran potentísimos gases de efecto invernadoiro e que contribuían ao cambio climático. Este descubrimento valeulle gañar o premios Fronteiras do Coñecemento de Cambio Climático, outorgado o pasado venres pola Fundación BBVA.
Ata 1975, a comunidade científica cría que o dióxido de carbono (CO2) era o único gas con efecto invernadoiro produto da acción humana. Tras o seu achado, engadíronse á lista outros gases, chamados traza, como o metano e os HFCs, que son responsables do 45% do efecto invernadoiro.
O climatólogo indio doutorouse na Universidade de Nova York e conseguiu un posto na NASA, onde investigou como o ozono atmosférico inflúe no clima da superficie terrestre. Foi así como chegou a descubrir e calcular o efecto dos CFCs. Ramanathan é catedrático da Scripps Institution of Oceanography (Universidade de California en San Diego).
Ramanathan explica que estes gases traza permanecen na atmosfera pouco tempo, “en comparación cos séculos que tarda o CO2 en desaparecer”. Por iso, reducindo as súas emisións lograríase un efecto moito máis rápido do que se logra diminuíndo o CO2. Actuando xa sobre estes gases de vida curta, en 2030 poderíase lograr unha redución á metade do quecemento global previsto para os próximos 35 anos, segundo calcula o investigador.
Segundo o xurado, composto por seis recoñecidos científicos internacionais, as achegas deste científico “son indispensables para avaliar as estratexias propostas para cumprir o Acordo de París”.
Os Premios Fundación BBVA Fronteiras do Coñecemento, creados en 2008, queren recoñecer e incentivar a investigación e creación cultural de excelencia, en especial aquelas contribucións de amplo impacto pola súa orixinalidade e significado teórico.
FONTE: Xornal El País/Ciencia
0 comentarios