LETRAS GALEGAS 2022:FLORENTINO DELGADO GURRIARÁN
A Real Academia Galega decidíu onte dedicaralle o Día das Letras Galegas 2022 ao autor ourensán Florencio Delgado Gurriarán, cuxo labor literario e activismo político e cultural constitúen un dos capítulos máis destacados das letras galegas da diáspora.
Florencio Manuel Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, avogado de formación, foi poeta, articulista, pioneiro da tradución poética interlingüística, editor literario e home ponte entre a Galicia exiliada en México e a Galicia interior, capaz de tecer asemade vínculos coa intelectualidade doutras orixes.
Polo traballo de seu pai, perito agrónomo, viviu desde que tiña seis anos continuos traslados, primeiro Ourense, despois Palencia, onde estudou o bacharelato e finalmente Valladolid. Fixo estudos superiores na Universidade de Valladolid, onde se licenciou en Dereito, pasando a exercer como avogado no Barco de Valdeorras. En 1933 ingresou no Partido Galeguista. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 logrou escapar da represión iniciada en Valdeorras polos sublevados, ata chegar a Porto, desde onde puido trasladarse a Bordeos (Francia) para chegar á Barcelona republicana en xaneiro de 1938. Nese mesmo ano accedeu á executiva do PG como Secretario de Propaganda; trala guerra civil marchou ao exilio a México, país no que se estableceu definitivamente. Realizou diversos traballos ata que se asentou na empresa farmacéutica Queralt Mir onde traballou ata a súa xubilación. Foi un dos fundadores da revista Vieiros.
Volveu temporalmente a Galiza en 1968, 1976 e 1981. Foi membro correspondente da Real Academia Galega. Utilizou, en escritos de prensa ou revistas, varios pseudónimos: Korgomófilo, Nadel, Porto do Río, Xan do Sil, Sil e R. Miño.
As súas cinzas foron trasladadas a Córgomo o 12 de xullo de 1987.
Na súa obra poética destaca: Bebedeira (1934, Editorial Nós), Galicia infinda (1963, Colección Salnés, Editorial Galaxia), Cantarenas (Bebedeira, Valdeorresas, Dionisias) (1981, Ediciós do Castro) e O soño do guieiro (1986, Colección Opúsculos de poesía, Edicións do Castro).
FONTE: academia.gal e gl.wikipedia.org Imaxe: academia.gal
0 comentarios