SABÍAS QUE... O ÉRBEDO
O érbedo (Arbutus unedo) é un arbusto da familia das ericáceas.
É un arbusto ou pequena árbore que pode chegar ata 10 m. Sistema radical forte, que forma unha gran cepa. Tronco curto. Cortiza delgada, parda-avermellada, gretada e caediza en pequenas tiras cando vella. Copa baixa, densa e irregularmente ovoide.
Follas persistentes, simples, alternas, algo coriáceas, oblongo-lanceoladas, case enteiras ou serradas, verde escuras e lustrosas na face, verde mate no envés, glabras excepto na base. Flores hermafroditas, corola urceolada, branca tirando de rosa a verdosa; as flores agrúpanse en panículas colgantes situadas ao final das ramas.
Florece en outono ou ao principio do inverno, a polinización é entomógama. O froito é unha baga globosa, verrugosa, pasando de verde, por amarela e escarlata a vermella escura ao final; madura no outono do ano seguinte coincidindo coa nova floración, aparecendo simultaneamente flores do ano e froitos do ano anterior.
Utilizada como ornamental, pois é árbore de aspecto elegante pola beleza da súa follaxe, ao que se engaden as flores e os froitos de cor vermello. Os froitos fermentados úsanse para elaborar licores e, en fresco, para aromatizar augardentes e preparar marmelada.
As follas e a cortiza son adstrinxentes e como tal combaten diarreas e a disentería; as follas tamén teñen propiedades antisépticas. A madeira tense utilizado en tornería; tamén arde moi ben mantendo moito tempo a brasa e dando calor; o carbón obtido é moi bo para as forxas.
Recibe en galego numerosos nomes comúns como: moragueiro, meroteiro, medroñeiro, madroño, esbedro, érbido, erbideiro, erbedro, érbedo, erbedeiro, érbeda, érbado, erbadeiro, ébedro, cabida, arbideiro, albelo, albeldreiro, albedro e albedredo.
Do seu nome parece ser que procede o topónimo Alvedro en Culleredo, lugar onde se instalou o aeroporto da Coruña.
Outra curiosidade, aparece no escudo de Madrid.
FONTE: gl.wikipedia.org Imaxe: Alberto Díaz/biogeografia.net
0 comentarios