Blogia
vgomez

500 ANOS DA TEORÍA HELIOCÉNTRICA

500 ANOS DA TEORÍA HELIOCÉNTRICA

Portada de "De Revolutionibus Orbium Coelestium", por Copérnico, na edición inicial de 1543. UNIVERSIDADE DE VIENA

Hai 500 anos, Nicolas Copérnico, un descoñecido canon da catedral da cidade de Frombork, na actual Polonia, distribuíu un pequeno opúsculo manuscrito ("Commentariolus") entre o seu círculo máis próximo. O texto contiña, sen aparato matemático, un programa heliocéntrico que culminaría co seu magnum opus, "De revolutionibus", que apareceu cando Copérnico se atopaba xa no seu leito de morte, en 1543. Sen sabelo, o seu traballo contribuiría de maneira esencial a cambiar a visión do home respecto da súa posición no universo, a pesar da censura á que eventualmente se enfrontaría. No proceso a teoría copernicana sería unha das pedras angulares sobre as que se edificaría a revolución científica, cuxos efectos hoxe en día son tan patentes.

O "programa de investigación" heliocéntrico que expuxo no "Commentariolus" baseouse en sete axiomas ou principios, entre os que destacaba dúas ideas totalmente fóra da visión do home medieval: que o movemento nocturno aparente das estrelas era debido á rotación da Terra e que o ciclo anual do Sol producíase porque o noso planeta vira ao redor daquel.

Copérnico traballou durante varias décadas na súa gran obra. Aínda que puido terminala cara a 1530, non se decidía a publicala, a pesar de existir certa expectativa en determinados círculos.

"De revolutionibus" fundou a cosmología moderna, negando a centralidade da Terra, expandiu o tamaño do Universo e situou ao Sol moi preto do centro daquel. Estes conceptos opoñíanse ao saber dos sabios e á experiencia máis directa do home común, pero sobre todo á doutrina eclesiástica dos doutores da igrexa. Era pois un salto no baleiro, que requiriu un gran esforzo intelectual para a súa concepción. Un risco para a súa carreira profesional, pero tamén persoal: outros, entre os que se atopan Giordano Bruno e Galileo Galilei, sufrirían décadas despois presións, xuízos, encarceramentos e ata o axustizamento na fogueira no caso do primeiro.

A idea copernicana tivo varios antecendentes. Aristarco de Samos, no século III antes de nosa era, abrazou este concepto, pero foi moito máis alá. Identificou o lume central co Sol, ao que colocou no centro do Universo, e postulou que as estrelas son obxectos similares ao Sol. Pero estas revolucionarias ideas, que eran coñecidas por Copérnico, non están recollidas na versión impresa de «De revolutionibus». Curiosamente, foi o mesmo Copérnico quen eliminou a referencia do heliocentrismo de Aristarco, talvez nun exercicio de prudente autocensura.

O uso de "De revolutionibus" lpermanecería formalmente no índice dos libros prohibidos pola Inquisición ata o ano 1835.

A historia que subxace no desenvolvemento do heliocentrismo iniciado co "Commentariolus" de Copérnico é, en realidade, o enfrontamento do individuo co poder e as crenzas asentadas. Un fenómeno que se repite unha e outra vez, e non só na ciencia, como recentemente vimos coa teoría da gravitación de Albert Einstein e a espectacular detección das ondas que predixo hai 100 anos. En todos os campos do saber, en calquera actividade humana, uns poucos visionarios empuxan os límites do coñecemento e ofrécennos novas vías de desenvolvemento e, finalmente, de benestar.

FONTE: David Barrado Navascués /Xornal El Mundo/Ciencia

0 comentarios