Blogia
vgomez

A RAPAZA DE 15 ANOS QUE SE PREPARA PARA VIVIR EN MARTE EN 2033

 

Non hai documentos científicos que reflictan como se sentiu o pai de Cristobal Colón cando o seu fillo embarcou rumbo ás Indias Occidentais. Tampouco das emocións que espertou nos seus pais a decisión de Marco Polo de cruzar toda Asia para chegar a China. Supoñemos, que nos séculos XIV e XV, cando ambos exploradores partiron a tan perigosas viaxes, a protección parental con respecto aos fillos sería ben distinta á que está afeito calquera rapaz ou rapaza de clase media na actualidade. Pero de existir eses documentos, o pai de Alyssa Carson sería o máis apropiado para entender esa mestura de temor, perda e orgullo que enche o corazón dunha nai ou un pai cando comproban que os seus fillos voan demasiado lonxe do niño. Máis lonxe mesmo do que nunca ninguén fixese antes. Alyssa, que vive en Luisiana e aínda non rematou o instituto, non está a pensar en irse a estudar a Europa nin facerse voluntaria para axudar nalgún país africano. O seu soño é moito maior. Quere percorrer as decenas de millóns de quilómetros que separan Marte e a Terra. E quere ser a primeira en facelo, aínda que non poida regresar xamais para contar a viaxe aos seus de primeira man.

A súa é unha vella obsesión (todo o vello que pode resultar algo nunha adolescente de 15 anos de idade), posto que ten claro que será astronauta desde os tres anos, cando viu na televisión que os seus personaxes preferidos de animación voaban a Marte. Desde entón, todas as súas enerxías estiveron postas en converterse no primeiro ser humano que pise o Planeta Vermello. O seu pai, Brett Carson, asumiu que ela se irá algún día, probablemente cara ao ano 2030, e afánase en gozar do tempo que queda: "Farei todo o que estea na miña man. Deixarei todo o demais, fareino todo con e por ela, para poder pasar tempo xuntos antes de que se marche", asegura cunha mestura de orgullo e resignación. Nos últimos anos cumpriu a súa palabra, permitindo que Alysson participe nos campamentos formativos da NASA, onde recibiu felicitacións por parte dos instrutores. Ten, ademais, coñecementos de robótica e fala con fluidez español, francés, chinés e inglés, a súa lingua natal.

Alyssa é consciente de que a súa é unha historia extraordinaria -"as miñas amigas pensan que estou un pouco tola", chancea- pero está absolutamente convencida de que conseguirá a súa meta. De momento converteuse nunha pequena celebridade pola súa perseveranza, aparecendo en multitude de medios de comunicación e participando como relatora en numerosos eventos. Se Elon Musk non se adianta, Alyssa terá que esperar algúns anos para ser a primeira en pisar Marte (a NASA planea enviar o seu primeiro voo tripulado ao planeta sobre o 2030). No seu caso, como adoita ocorrer cos pioneiros, a imaxinación viaxa máis rápido que a tecnoloxía.

FONTE: José L. Álvarez Cedena/Xornal El País

0 comentarios