UN LIBRO PARA O VERÁN: "SWEET SIXTEEN"
Durante o curso hai que recoñecer que ás veces é complicado gozar dun bo libro, salvo os de lectura obrigatoria que mandas os profes. Afortunadamente, no verán a situación é distinta, o reloxo detense e hai tempo para gozar de boa lectura.
Para iste verán propóñoche un libro da escritora francesa Annelise Heurtier (1979): "Sweet Sixteen" (Doces dezaseis).
Aínda que pareza mentira, non hai tanto diso. Unhas décadas atrás, as persoas de raza negra non podían acceder aos mesmos espazos que os brancos nin gozar das mesmas cousas que calquera outro ser humano. Ata a aprobación da sentenza Brown versus Board of Education of Topeka, en Estados Unidos non se permitiu o acceso igualitario ao ensino.
Neste contexto nace unha historia conmovedora, o relato de nove adolescentes que sobreviviron ao clima hostil dun dos institutos que, por mor da citada resolución, comezaron a aplicar unha nova política que cambiou aquel país para sempre.
Alternando ficción e a máis crúa e incrible, ante os ollos dun lector do XXI, realidade coñecemos as andanzas dun grupo de heroes (disfrazados aquí baixo outros nomes), honestos e valentes, mozos e mozas que se atreveron a romper as normas e loitar contra o despropósito. Unha certeira radiografía dunha época amarga, narrada con mestría ao son de cancións, programas de radio e televisión, que capta con gran veracidade todo o proceso e as relacións que se estableceron entre os distintos alumnos do Instituto Central de Little Rock (Arkansas)
Merece a pena lelo!
0 comentarios