Blogia
vgomez

TIANGONG-1 A PUNTO DE ESTRELARSE CONTRA A TERRA

TIANGONG-1 A PUNTO DE ESTRELARSE CONTRA A TERRA

Estación espacial Tiangong-1 / Imaxe:Gizmodo

A estación espacial Tiangong-1, o primeiro laboratorio orbital chinés lanzado en setembro de 2011, estrelarase contra a Terra a finais de xaneiro de 2018, segundo as previsións de The Aerospace Corporation, unha fundación sen fins de lucro de California (EE.UU.). Aínda que a maior parte da plataforma de 8 toneladas e media se desintegrará na atmosfera, algunhas pezas do «Palacio dos Ceos» poderían sobrevivir ao reingreso e caer á superficie terrestre. Onde é extremadamente difícil de precisar polo momento, pero pola inclinación da nave, «podemos dicir con confianza» que ocorrerá nalgún lugar entre as latitudes 43º norte e 43º sur do planeta, segundo a corporación. Iso comprende unha amplísima franxa terrestre que polo sur alcanza Nova Zelandia, Australia ou Arxentina e polo norte, a maior parte de España. Estamos dentro polo momento, si, pero tamén unha xigantesca parte do mundo, océanos incluídos, coa que repartirnos o boleto de lotería.

Tiangong-1 foi deseñada para ser un laboratorio tripulado, aínda que non está habitada (a última misión tripulada partiu de Tiangong-1 en xuño de 2013), así como un experimento para unha futura estación máis grande. Está composta por dous módulos e mide 10,5 metros de longo. O 21 de marzo de 2016, China anunciou que deixara de recibir datos de telemetría da plataforma, pero non foi ata o 14 de setembro cando recoñeceu oficialmente que a estación volvería entrar na atmosfera, segundo prevían, na segunda metade de 2017. Rastreadores de satélites afeccionados afirmaron entón que o obxecto xa orbitaba sen control desde facía meses e todo apunta a que a reentrada será tamén descontrolada.

Ese boleto de lotería non o queremos!

FONTE: Xornal abc/ciencia

0 comentarios