Blogia
vgomez

ROSS 128 b, NOVO EXOPLANETA POTENCIALMENTE HABITABLE

Ross 128 b  
Recreación artística dO planeta tépedo Ross 128 b / M.Kornmesser EFE

 

Un novo planeta, Ross 128 b, acábase de sumar á lista de candidatos na procura de indicios de vida máis aló do Sistema Solar. O Observatorio Austral Europeo (ESO) informou do descubrimento deste novo planeta tépedo do tamaño da Terra a tan só 11 anos luz do noso planeta (un ano luz equivale a 9.460 millóns de quilómetros), o que o converte no segundo planeta máis tépedo e máis próximo á Terra tras Próxima b. Ademais, Ross 128 b é o máis próximo descuberto que orbita unha estrela anana vermella inactiva, Ross 128, na constelación de Virgo, "o que pode aumentar as probabilidades de que se trate dun planeta que, potencialmente, puidese albergar vida", segundo ESO.

O equipo que realizou o descubrimento utilizou un instrumento único na súa clase, o cazador de planetas Harps de ESO, instalado no Observatorio La Silla (Chile).

Este exoplaneta de baixa masa orbita Ross 128 cada 9,9 días. Ross 128 é a estrela próxima "máis tranquila" que alberga un exoplaneta tépedo deste tipo. Espérase que este mundo sexa tépedo, cunha temperatura superficial que tamén podería ser similar á da Terra. 

A pesar de ser das máis comúns, as ananas vermellas son un dos tipos de estrela máis frías e débiles do universo. Isto fai que sexan moi bos obxectivos para a procura de exoplanetas e por iso están a ser cada vez máis estudadas. Moitas estrelas ananas vermellas, como Próxima Centauri, emiten labaradas que, ocasionalmente, bañan de letal radiación ultravioleta e de raios X aos planetas que as orbitan. Con todo, parece que Ross 128 é unha estrela moito máis tranquila, de maneira que os seus planetas poderían ser a morada coñecida máis próxima para albergar vida.

Cos datos de Harps, o equipo descubriu que Ross 128 b orbita 20 veces máis preto da súa estrela que a distancia á que a Terra orbita do Sol. A pesar desta proximidade, o planeta recibe só 1,38 veces máis radiación que a Terra. Como resultado, estímase que a temperatura de equilibrio de Ross 128 b atópase entre -60 e 20 ºC, debido á natureza débil e fría da súa pequena estrela anana vermella, que ten pouco máis que a metade da temperatura superficial do Sol.

Mentres que os científicos involucrados neste descubrimento consideran que Ross 128 b parece ser un planeta tépedo, segue habendo incerteza en canto a se se atopa dentro, fóra, ou no limiar da zona habitable, onde pode existir auga líquida na superficie dun planeta. A zona habitable está definida polo rango de órbitas ao redor dunha estrela, na que un planeta posúe a temperatura adecuada para que exista auga líquida na superficie do planeta.

Na actualidade, os astrónomos están a detectar cada vez máis exoplanetas tépedos e, a próxima etapa, será estudar con máis detalle as súas atmosferas, a súa composición e a súa química. Será de vital importancia a posible detección da presenza de biomarcadores nas atmosferas dos exoplanetas máis próximos, incluíndo o osíxeno. Dos miles de exoplanetas detectados ata o momento, uns 50 considéranse potencialmente habitables.

FONTE: Xornal El País/Ciencia

0 comentarios