A QUÍMICA DO ÁRTICO ALTERADA POLO CAMBIO CLIMÁTICO
Científicos medindo as condicións do xeo na rexión do ártico / Imaxe: picazo.eltiempo.es
En menos dunha década, a concentración de radio-228 nas augas do océano Ártico case se dobrou. O acelerado desxeo provocado polo cambio climático estaría a facilitar a achega extra deste elemento químico radioactivo desde as costas que rodean o Polo norte. Os científicos aínda non teñen claras as consecuencias a longo prazo deste fenómeno.
O 228Ra é un isótopo do radio de orixe natural que xorde do decaemento doutro elemento radioactivo, o torio, presente nos sedimentos. "Pero a diferenza deste, disólvese na auga, onde os científicos poden rastrexar a súa orixe, concentración, cociente e dirección do seu fluxo", afirma a investigadora do Instituto Oceanográfico Wood Hole de EE UU e do estudo publicado en Science Advances. Máis importante aínda, para os científicos mariños toda esa información converteu ao 228Ra nun sensor do estado de saúde dos océanos e a composición das augas oceánicas.
Tomaron mostras a distintas alturas da columna de auga dende 69 estacións de recollida distribuídas polo Ártico, desde o leste do estreito de Bering, entre Alaska e Rusia, ata o mesmo Polo norte. As medicións, realizadas no verán de 2015 a bordo dun rompexeos dos gardacostas estadounidenses, foron comparadas despois coas obtidas nunha expedición similar realizada en 2007 por científicos alemáns. P
Os resultados do estudo mostran que a concentración media do 228Ra por metro cúbico de auga era duns 71.000 millóns de átomos. A cifra case dobra as medicións obtidas en 2007.
De onde vén tanto radio? As dúas principais fontes naturais deste elemento son, por unha banda, o torio presente nos sedimentos que se van acumulando nas plataformas continentais, a porción de terra mergullada baixo o mar nas proximidades da liña costeira, e a achega fluvial. A pesar de que o Ártico non é o océano máis grande, aquí desembocan grandes ríos ata a 10% da auga doce que chega a todos os mares. Pero hai un novo factor que estaría a alterar o equilibrio natural: o cambio climático.
Tendo en conta a deríva transpolar, a forte corrente que move os xeos desde o leste e cara ao norte, o exceso de radio debe de provir dos sedimentos da plataforma continental siberiana. Cos seus 50 metros de profundidade de media, é a plataforma máis extensa que hai no planeta, cuns 1.500 quilómetros de liña costeira. O desxeo provocado polo quecemento estaría, segundo os científicos, expoñendo esta franxa terrestre ao contacto coa auga, facilitando a disolución do radio. Ademais, a acción das ondas sobre os sedimentos agora desprotexidos estaría a acelerar a erosión e a achega deste elemento.
A estes niveis, o radio non afecta a auga ou a vida acuática. En realidade, os científicos usan o radio como un indicador dos materiais da plataforma continental que acaban no mar. "Así que, se os niveis de radio están a aumentar, isto indica que as achegas doutros elementos tamén o están facendo", dise no estudo. E son estoutros elementos, minerais como o ferro ou as terras raras e compostos orgánicos nas augas polares, os que poderían estar a afectar a todo o ecosistema ártico, desde o minúsculo plancto ata os grandes mamíferos mariños.
FONTE: Miguel A. Criadi/Xornal El País/Ciencia
0 comentarios