Blogia
vgomez

INSÓLITAS IMAXES DE VENUS

A rexión ecuatorial observada no infravermello / JAXA/ISAS/DARTS/DAMIA BOUIC

A sonda xaponesa Akatsuki (Amencer), tamén chamada PLATET-C, lanzouse no ano 2010 e, cando chegou a Venus, sufriu un serio fallo técnico que a fixo pasar de longo deixando ao planeta moi atrás. Con todo, os enxeñeiros da Axencia Espacial Xaponesa (JAXA) idearon un plan de emerxencia que permitiu, tras cinco anos de dificultosos cálculos e probas, recuperar a nave e devolvela á órbita de Venus.

As manobras de JAXA funcionaron moi ben. A nave sobreviviu e atópase orbitando plácidamente ao redor de Venus desde o 9 de decembro de 2015. A súa órbita actual, moi elíptica, ten un período duns 10,5 días. O apoápside (punto de máximo afastamento do planeta) estabilizouse a uns 360.000 quilómetros de altura sobre a superficie de Venus, mentres que o periápside (punto de máximo achegamento) está a uns 10.000 quilómetros. A esta altitude os instrumentos de medida non poden ofrecer todo o detalle que se esperaba nun principio pero, aínda así, os datos obtidos son de gran relevancia para o estudo das nubes e dos seus movementos. Así o demostran as primeiras imaxes que nos chegan.

A nave vai equipada con varias cámaras que, traballando en diferentes lonxitudes de onda, poden penetrar a diferentes profundidades da densa atmosfera de Venus. Dúas destas cámaras, que traballaban no infravermello (a 1,7 e 2,3 micrómetros), quedaron fóra de operación en decembro de 2016. Pero mentres funcionaron, obtiveron imaxes da zona nocturna, concretamente da rexión a uns 50 quilómetros sobre a superficie do planeta, as nubes desa rexión son sensibles á topografía da superficie e, por tanto, poden dar unha idea dalgunhas características do terreo. Outras dúas cámaras traballando no ultravioleta (a 283 e 365 nanómetros) permiten ver as nubes máis altas iluminadas pola luz solar. Estas nubes conteñen acedo sulfúrico e dióxido de xofre, ademais doutro compoñente que absorbe a luz na banda de 365 nanómetros e que non foi identificado aínda.

No segundo semestre de 2017, os científicos de JAXA fixeron públicas as primeiras imaxes científicas obtidas pola sonda no Arquivo Ataksuki. Desde entón, Dama Bouic, unha especialista francesa no tratamento dixital de imaxes, vén procesando os datos ’brutos’ do arquivo para obter as espectaculares imaxes. Nas imaxes pode apreciarse a dinámica da atmosfera en toda a súa complexidade. Os cambios de cor mostran, no ultravioleta, variacións no dióxido de xofre e nesoutro compoñente descoñecido que absorbe estas lonxitudes de onda creando zonas escuras, así como os movementos convectivos que mesturan os gases. O dióxido de xofre pode fotodisociarse polo efecto da luz solar para formar monóxido de xofre, ou ben pode oxidarse para formar o trióxido que, en combinación con auga, acaba dando lugar a ácido sulfúrico. Con todo, aínda quedan moitas incógnitas por resolver para explicar todo os procesos químicos da atmosfera de Venus e, sen dúbida, a análise detallada de todas estas imaxes axudará a elucidar moitos destes fenómenos.

As imaxes procesadas por Bouic poden contemplarse nun artigo recente de Sky& Telescope.

FONTE: Rafael Bacharel/Xornal El Mundo/Ciencia

0 comentarios