"PAZ", UN ESPÍA ESPAÑOL NO ESPAZO
Representación artística do satélite Paz sobrevoando a Península Ibérica / Airbus
Tras sufrir toda unha coleción de contratempos e atrasos, o satélite español Paz de observación da Terra finalmente foi lanzado e posto en órbita con éxito onte dende a base militar de Vandenberg (California, EE. UU.). De momento haberá que esperar para comprobar o seu bo funcionamento, pero se é así supoñería un fito para España: entraría no selecto club dos países con capacidade de observación da Terra. En Europa, só Alemaña e Italia gozan deste privilexio.
O satélite dotará en pouco tempo ao Ministerio de Defensa español de funcións de seguridade non dispoñibles ata agora, como evitar o descarrilamento dun tren ao poder detectar o desprazamento milimétrico das vías ou loitar contra o narcotráfico.
Paz, que será capaz tamén de predicir comportamentos atmosféricos anormais, leva incorporado o AIS, un sistema de localización de tráfico marítimo mediante o cal, fusionando os seus datos cos do SAR, poderá controlar calquera movemento sospeitoso de barcos. Entre os posibles usos de Paz destacan, por exemplo, as aplicacións de intelixencia, cartografía, control fronteirizo, avaliación de catástrofes naturais, urbanismo e planificación do territorio, observación do medio ambiente e outros propósitos científicos. Paz poderá xerar ata 100 imaxes diarias de alta resolución que, grazas á tecnoloxía radar, poderán ser captadas en calquera momento do día sen depender da luz do Sol ou das condicións atmosféricas.
O satélite pesa uns 1.400 quilogramos e mide 5 metros de altura por 2,4 metros de diámetro. Está configurado para poder dar 15 voltas diarias á Terra a unha altura de 514 quilómetros.
FONTE: Xornal El Mundo/Ciencia
0 comentarios