VIAXE AO CENTRO DE XÚPITER
Foto da Gran Mancha Vermella de Xúpiter / Imaxe: REUTERS/NASA
Xúpiter, o planeta máis antigo do sistema solar, está formado por unha xigantesca masa de hidróxeno e helio que ocupa un diámetro de 142.984 quilómetros. A súa superficie ten bandas brillantes e escuras formadas por fortes ventos que flúen en direccións opostas a velocidades de 100 metros por segundo.
A misión espacial Juno, lanzada en 2011 e en órbita ao redor do planeta desde xullo de 2016, proporcionou un gran volume de datos sobre Xúpiter que están a ser analizados pola comunidade científica. A revista Nature, publicou de forma simultánea, o pasado mércores, catro estudos para explicar a orixe destas bandas e determinar se se estenden cara ao interior do planeta, unha cuestión non resolta ata agora.
Nun primeiro traballo os científicos sosteñen que Xúpiter presenta un campo gravitacional asimétrico ao longo do seu eixo norte-sur. Os datos proceden de pequenas anomalías observadas na aceleración da sonda espacial Juno sobre a órbita elíptica de Xúpiter, o que se coñece como desprazamento Doppler. Os cambios de gravidade de polo a polo sorprenderon aos investigadores, que non esperaban este comportamento nun planeta gaseoso, achatado e que vira a gran velocidade. A explicación, segundo os autores, estaría nun fluxo de ventos atmosféricos e interiores que se estendesen cunha gran masa a gran profundidade.
Nun segundo estudo, calculouse que o fluxo deses ventos esténdese a 3.000 quilómetros de profundidade desde a atmosfera de Xúpiter, cuxa masa estimaron, ademais, nun 1% da masa total do planeta. As famosas bandas de Xúpiter non só ocupan, por tanto, a súa superficie, senón que se estenden cara a dentro con fortes ventos que decaen a medida que aumenta a profundidade, ata unha vixésima parte do radio do planeta, un punto onde a presión é 100.000 veces a da atmosfera na superficie da Terra.
No terceiro estudo, os científicos descubriron que o interior de Xúpiter está composto por unha mestura de hidróxeno e helio que rota como o faría un corpo sólido, a pesar de tratarse dun fluído. Esta diferenza de rotación de Xúpiter, que se comporta como un gas a nivel atmosférico e como un sólido en profundidade, de debe á ionización do hidróxeno a alta presión, que produce protones e electróns que se moven libremente.
Estes tres traballos foron condensados nunha publicación News & Views, onde un investigador remarca a importancia da ciencia planetaria comparada e como os tres estudos sobre Xúpiter poden axudar a comprender a dinámica doutros planetas xigantes gaseosos, como Saturno, cuxa sonda de observación, a misión Cassini, finalizou en 2017. Este estudo tamén destaca á posibilidade de que Juno achega novos datos sobre a profundidade da Gran Mancha Vermella de Xúpiter ou sobre os efectos das mareas que provocan as súas grandes lúas.
Nun cuarto estudo, descríbese os ciclóns que se localizan no polo norte e sur de Xúpiter e que forman un patrón poligonal. Os científicos observaron un octágono formado por oito ciclóns que viran ao redor dun ciclón central no polo norte e un pentágono formado por cinco ciclóns ao redor doutro ciclón no polo sur. Estes ciclóns son únicos no noso sistema solar, pero poderían estar presentes en cada exoplaneta que teña características similares ás de Xúpiter. A simetría da estrutura débese á súa posición ao redor do polo, é dicir, xusto ao redor do eixo de rotación do planeta. Con todo, a razón pola que estas estruturas mantéñense constantes sen fusionarse e móvense de forma lenta e é, de momento, descoñecida.
FONTE: Mar de Miguel/Xornal El Mundo/Ciencia
0 comentarios