DENTRO DE 200 ANOS, A VACA DOMÉSTICA SERÁ O MAMÍFERO TERRESTER MÁIS GRANDE QUE QUEDARÁ NA TERRA
Alí onde chegaron os humanos, a vida salvaxe resentiuse. A maioría das especies, salvo as oportunistas, minguaron e moitas delas, en particular as potenciais rivais polos recursos, foron levadas á extinción. Agora un estudo mostra que a expansión humana polo planeta foi en paralelo a unha redución do tamaño dos mamíferos que sobreviviron á súa chegada. E o fenómeno non é do século pasado, leva pasando desde que os primeiros humanos saíron de África. Diversos estudos mostraron que a biodiversidade está en retirada en todas partes. A taxa de extinción de especies dos últimos séculos é ata 100 veces maior que a taxa natural.
As causas son múltiples, aínda que a maioría levan a marca humana: conversión de espazos naturais en campos de cultivo, urbanización, caza, deterioración do hábitat, cambio climático... Pero o risco de desaparecer non é o mesmo para todos os animais. Canto máis grande, maior probabilidade de extinción.
Nas extincións masivas do pasado non se produciu este rumbo por masa corporal, nin sequera na extinción do Cretácico-Paleóxeno, a dos dinosauros, de hai 65 millóns de anos, que deu paso ao reinado dos mamíferos. Que variable non existía nas cinco masivas extincións anteriores? A presenza humana.
No estudo, publicado na revista Science, amósase que, desde finais do período Cuaternario (hai uns 125.000 anos), os fósiles cada vez eran máis pequenos. O máis rechamante deste empequenecimento da vida é que non se produciu antes en toda a era cenozoica, que inclúe ao Cuaternario, é dicir, desde a extinción dos dinosauros. Ao analizar os datos por continentes, o estudo mostra a coincidencia temporal entre a expansión humana, primeiro en África e despois fóra dela, e a xibarización das especies. Aínda que a datación do inicio da gran viaxe desde o continente africano aínda non está clara, os científicos están máis ou menos de acordo nos rangos temporais: entre hai 80.000 e hai 60.000 anos, os Homo sapiens xa habitaban tanto África como Eurasia. Ao redor de hai 50.000 anos chegaron a Australia e, moito despois, hai menos de 20.000 anos, fixérono ás Américas.
O estudo mostra que sempre despois da chegada dos humanos, nunca antes, as especies máis grandes foron as que máis se extinguiron. O fenómeno da extinción da megafauna de finais do Pleistoceno (mamut lanudo, tigre dentes de sabre...) é o máis estudado. Pero non é o único e a tendencia sempre foi na mesma dirección: as especies sobreviventes á chegada dos humanos son máis pequenas que as que había antes. "En termos globais, o tamaño corporal medio hai 125.000 anos era de 69 quilogramos e o máximo [as especies máis grandes, como os mamuts] ao redor das 10,8 toneladas. Hoxe, a media é de 16 kg e o máximo [elefantes] de 3.900 kg. No futuro, baixarán ata o 6,9 kg e un máximo de 900 kg", estimase no estudo.
0 comentarios