DESCOBREN DOUS ELOS ENTRE DINOSAUROS E AVES
Ósos de Xiyunykus no laboratorio, antes de desprendelso da rocha / Imaxe: J. Clark/quo.es
Un equipo internacional de investigadores, liderados por James Clark e Jonah Choiniere, descubriu unha nova especie de dinosauro, Xiyunykus pengi, durante unha expedición a Xinjiang, China. Os achados foron publicados en Current Biology xunto coa descrición dunha segunda especie intermedia nova, Bannykus wulatensis.
Restauración do aspecto do Bannykus / SHI Aijuan/abc.es
Xiyunykus e Bannykus son ambos alvarezsauroideos, un enigmático grupo de dinosauros que comparten moitas características coas aves. Os seus corpos son delgados, cun cranio parecido ao dun ave e moitos dentes pequenos en lugar dos habituais dentes grandes e afiados dos seus parentes carnívoros.
"Cando describimos o primeiro membro coñecido dos alvarezsauroideos, o Mononykus, en 1993, sorprendeunos o contraste entre os seus brazos parecidos aos dun topo e o seu corpo similar ao dun correcamiños, pero había poucos fósiles que o conectasen con outros grupos de terópodos”, sinala Clark.
Con todo, os alvarezsauroideos non sempre tiveron esta aparencia. Os primeiros membros do grupo tiñan brazos relativamente longos con mans de garras fortes e dentes típicos de carnívoros. Co tempo convertéronse en dinosauros con brazos parecidos aos dun topo e unha soa garra. O achado dos novos especímenes permitiu aos investigadores descubrir un cambio importante na evolución das características especializadas dos alvarezsauroideos.
"Pode ser difícil precisar as relacións dos animais altamente especializados. Pero as especies fósiles con características de transición, como Xiyunykus e Bannykus, son tremendamente útiles porque vinculan as características anatómicas máis estrañas coas máis típicas", conclúe Choiniere.
FONTE: Juan Scaliter/quo.es/ciencia
0 comentarios