APRENDER A SER CREATIVOS COMO OS NENOS
Escritora e divulgadora. Así se describe Elsa Punset, directora de contidos do Laboratorio de Aprendizaxe Social e Emocional (LASE), licenciada en Filosofía e Letras, Máster en Humanidades pola Universidade de Oxford, Xornalismo pola Universidade Autónoma de Madrid e Educación Secundaria pola Universidade Camilo José Cela. É unha das principais referencias de fala hispana no ámbito da aplicación da intelixencia emocional como ferramenta para o cambio positivo. Elsa Punset suma máis dun millón de lectores como autora de libros de éxito como "Unha mochila para o Universo", "O libro das pequenas revolucións" ou o máis recente, "Felices". É autora tamén dos contos ilustrados de “Os Atrevidos”, dirixidos ao público infantil para axudarlles a comprender e xestionar de forma entretida, as súas emocións básicas. A súa procura de respostas sobre o ser humano na ciencia, a neuropsicoloxía e a pedagoxía permitiulle estudar e describir as emocións e como aplicar a intelixencia emocional. Citando ao experto John Gottman, Elsa Punset afirma: “Sede os adestradores emocionais dos vosos fillos e deixádelles expresar todas as emocións que levan dentro… O mellor favor que podemos facer aos nosos fillos é axudarlles a vivir con todas as emocións”.
0 comentarios