APRENDER EN CONTACTO COA NATUREZA
Licenciada en Psicoloxía e Filosofía pola Universidade de París X Nanterre, Heike Freire é un referente nacional e internacional da chamada “Pedagoxía Verde”, con máis de 20 anos de experiencia neste ámbito, que expón o contacto coa natureza e o medio ambiente como recurso educativo. Freire foi asesora do Instituto de Educación Permanente de París do goberno francés e desenvolve a súa innovación educativa co apoio de escolas e familias que buscan a “renaturalización" da súa contorna. “Os nenos de 4 a 12 anos pasan o 76% do seu tempo sentados ou deitados en lugares pechados. Pero é a través do movemento ao aire libre como desenvolven os seus sentidos, a súa psicomotricidade, a súa intelixencia espacial e social. O contacto coa natureza debería ser frecuente e cotián, para aproveitar os beneficios cognitivos, de memoria, atención e aprendizaxe que achega a contorna natural”, sinala Heike Freire. Nos seus libros ‘Educar en verde. Ideas para achegar a nenos e nenas á natureza’ e ‘Estate quieto e atende!’, así como nos seus talleres, cursos e conferencias, a psicóloga e pedagoga achega recursos para fomentar o contacto co medio natural nas familias e as aulas. “O noso futuro está en mans das próximas xeracións. Por iso é de vital importancia unha pedagoxía verde e conciencia ecolóxica que reconecte co noso medio ambiente”, conclúe.
0 comentarios