Blogia
vgomez

O DÍA DO COMETA 46P/WIRTANEN

O signo “+” indica onde se pode ver o cometa 46P/Wirtanen as noites do 14 ao 19 de decembro. O gráfico mostra os puntos unha hora despois da posta do sol para unha latitude de entre 40 e 90 graos /JOHN FRENCH, CC BY-ND

Aqueles que ven un cometa cruzando o ceo nocturno poden sentir emoción, asombro ou a sensación de que se aveciña un desastre. No pasado, a xente debatía sobre que eran os cometas: un fenómeno atmosférico, un lume no ceo ou unha estrela cunha cola como unha escoba.

Estes días teremos a oportunidade de comprobar que descrición visual encaixa mellor coa percepción de cada cal, porque está previsto que o cometa 46P/Wirtanen faga a súa aparición e será perfectamente visible.

O astrónomo Carl Wirtanen descubriu o cometa que leva o seu nome en 1948. Era un experto cazador de obxectos estelares que empregou fotos do ceo nocturno para observar que se movía rapidamente, polo menos falando desde o punto de vista astronómico.

A órbita do cometa 46P/Wirtanen manteno bastante preto do Sol. O seu  afelio, ou o punto máis afastado do Sol, está a aproximadamente 5,1 unidades astronómicas (UA), que é xusto un pouco máis grande que a órbita de Xúpiter. O seu perihelio, ou a súa aproximación máis próxima ao Sol, está a aproximadamente 1 UA, máis ou menos a distancia da Terra ao Sol. Tarda uns 5,4 anos en percorrer esta traxectoria, o que significa que é visible con bastante frecuencia en comparación con outros cometas famosos.

Nestes momentos achégase ao seu  perihelio. Acadará o seu punto máis próximo ao Sol o 16 de decembro, o día que máis brillará.

O 46P/Wirtanen é un cometa especialmente activo (chamado cometa hiperactivo) e adoita brillar máis que outros cometas dun tamaño parecido. Isto convérteo nun bo cometa para a observación. As predicións afirman que terá un brillo de ata unha magnitude 3, un pouco máis brillante que Megrez, a estrela máis tenue do Carro. Con todo, algunhas predicións din que brillará a unha magnitude de só 7,6 o que fará que sexa imposible observalo a primeira ollada. O obxecto menos brillante  percibible a primeira ollada é dunha magnitude 6, nunhas condicións de observación perfectas. O sistema utilizado polos astrónomos vai á inversa: canto máis pequeno é o número, máis brillante é o obxecto.
 
As mellores condicións para observar o 46 P/ Wirtanen é facelo nun ceo o máis escuro posible e cando o cometa sexa máis brillante (o 16 de decembro). Estará entre a constelación de Tauro e o grupo de estrelas das  Pléiades.

Se non pode observarse a primeira ollada, uns prismáticos ou un telescopio pequeno axudarán. Agora mesmo é necesario un telescopio para velo. Pódese empezar a seguilo utilizando mapas que mostren a súa posición noite tras noite. A súa localización no ceo tamén significa que é visible para todos, menos nas latitudes extremas máis meridionais.

A posición do cometa preto de Tauro fai que sexa ideal para observalo toda a noite. Tauro está ao leste despois da posta do Sol e móvese cara ao oeste ao longo da noite.

Ímolo ter complicado polos temo que temos! Intentarémolo e senón nos días próximos, ainda que xa non será o mesmo.

FONTE: Shannon Schmoll/elpais.com/ciencia

0 comentarios