Blogia
vgomez

DESCOBREN EN AUSTRALIA O MAIOR SISTEMA DE RÍOS SUBMARINOS DO MUNDO

Ao redor da costa de Australia fórmase un xigantesco sistema de correntes submarinas no inverno, que comunica as costas co interior do océano -/ Mahjabin  et al., Scientific Reports, 2020

Os ríos non só están na superficie. Hai correntes subterráneas, como o impresionante «río» Hamza, un acuífero de miles de quilómetros de longo que descarga a súa auga ao océano catro quilómetros por baixo do río Amazonas. E baixo o xeo de Groenlandia e a Antártida existe un auténtico mundo perdido de ríos, lagos e canóns que non aparecen nos mapas pero cuxas correntes albergan formas de vida apenas coñecidas. Pero o noso descoñecemento vai mesmo máis aló.

Un estudo publicado en Scientific Reports informa do sorprendente achado do que parece ser o sistema de ríos submarinos máis grande de todo o planeta. Científicos da Universidade Occidental de Australia identificaron a existencia de importantes correntes que circulan sobre o fondo mariño, na plataforma continental fronte á costa australiana. Este fenómeno xa se estudou, pero só agora viuse a súa dimensión continental, ao estenderse ao redor de toda Australia. O seu nome é Dense Shelf Water Cascades (DSWC), algo así como fervenzas de plataforma de auga densa.

Segundo concluíron os investigadores, estes ríos fórmanse no inverno e son consecuencia do arrefriado da auga da superficie, fronte ás costas australianas. Cando este arrefriado ocorre, a auga faise máis densa e tende a mergullarse, fluíndo mar dentro sobre a plataforma continental grazas á acción da gravidade sobre a inclinada plataforma. Segundo os datos recolleitos, estas correntes esténdense ata distancias de 10.000 quilómetros da costa.

Ademais, este proceso non ocorre en zonas puntuais, senón en todo o perímetro de Australia. De feito, o arrefriado simultáneo de augas costeiras en todo Australia non fora documentado ata o de agora.

Como é de esperar, estas correntes teñen unha gran influencia sobre o transporte de nutrientes, materia animal e vexetal e polución mar dentro, o que fai pensar que os ríos submarinos teñen unha gran importancia globalmente.

Dado que estes ríos submarinos flúen baixo a superficie, non puideron ser observados por medio de satélites. O seu estudo só foi posible grazas a robots submarinos autónomos que permitiron obter unha inxente cantidade de información. En concreto, os robots levaron a cabo 126 misións entre os anos 2008 e 2019.

Proximamente, os investigadores tratarán de estudar a contribución destas correntes  DSWC ao fluxo de nutrientes e fluxos bioxeoquímicos, ao unir as costas e o interior do océano.

FONTE: abc.es/ciencia

0 comentarios