O TMT PODE TER CASA NA PALMA
Ferramenta básica para o coñecemento do espazo, a gloria do invento do telescopio foi reclamada por moitos. Como adoita ocorrer nestes casos, o mérito debería recoñecerse compartido: porque hai estudiosos que aseguran que o crédito habería que outorgarllo a xerundense Joan Roget, mentres que a historia oficial sinala ao alemán Hans Lippershey. E, con todo, o nome que todos relacionan co telescopio cando se fala dos seus inicios no século XVI é o de Galileo Galilei. Grazas ao telescopio o sabio toscano revolucionou a ciencia e deixou constancia da existencia de montañas na lúa, descubriu novas estrelas e describiu a existencia de satélites en Xúpiter, entre outras observacións. Tamén se gañou a inimizade de moitos poderosos, o xuízo do Santo Oficio e a condena ao ostracismo, na que foi seguramente a disputa máis ilustre entre a ciencia e a igrexa da historia.
Aqueles telescopios de Galileo parecen hoxe pouco máis que xoguetes e están, por suposto, a anos luz dun prodixio tecnolóxico como o Gran Telescopio de Canarias, o maior telescopio óptico do mundo (cun espello primario de máis de dez metros) situado na illa da Palma e desde onde “é posible ver unha moeda situada no alto da torre de Londres”. Quen realiza esta ilustrativa comparación para que se entenda a potencia da lente, é Christopher Dumas, xefe de operacións do TMT (Telescopio de Trinta Metros), un proxecto que planea construír un telescopio cun óptica tres maior que a do GRANTECAN, probablemente na mesma illa. En realidade, o TMT debería instalarse en Hawaii, nun lugar considerado sagrado polos seus habitantes, un problema que xerou dúbidas acerca da viabilidade de levar a bo termo o proxecto, polo que A Palma podería converterse nunha alternativa interesante.
Aínda que resulte case de perogrullo afirmalo, o que conseguirán os astrónomos con este gran telescopio é poder realizar observacións máis afastadas o que, traducido ao espazo, significa viaxar máis atrás no tempo. O proxecto, un esforzo conxunto de Estados Unidos, Canadá, China, India e Xapón, permitirá expornos novas preguntas achega da orixe do universo. A localización na Palma do TMT sería un agasallo para unha illa que conta cun dos mellores ceos do planeta para a observación astronómica porque “é unha agulla que se insere na atmosfera e na punta desa agulla están os nosos telescopios”, como afirma Rafael Rebolo, director do Instituto de Astrofísica de Canarias. Rebolo cre que proxectos como este poden axudar a responder unha das grandes cuestións que nos acompañan como especie: “Eu persoalmente buscaría a pegada da actividade biolóxica noutros planetas” para “dar resposta a esa pregunta de se hai vida noutro recuncho do universo”.
FONTE: José L. Álvarez Cedena/elpais.com
0 comentarios