PABALABRA DO ANO 2018: DESEUCALIPTIZACIÓN
A razón de ser da lingua é atravesar todos os ámbitos da sociedade e representarnos nela, porque onde as palabras existen con máis intensidade é na actualidade, no día a día, tanto no espazo público coma nas relacións privadas. Por iso, escoller unha Palabra do Ano simboliza tomar conciencia do valor da lingua, recoñecérmonos aquí e agora e mesmo asumirmos un mañá.
O Portal das Palabras, iniciativa impulsada pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, fixó público a palabra do ano 2018: deseucaliptización.
Este neoloxismo que reflicte un aspecto destacado da crecente preocupación pola xestión dos nosos montes non está recollido no Dicionario, pero axústase ás regras de formación de palabras da nosa lingua.
A deseucaliptización apela ao desexo de recuperación da masa forestal autóctona cando a plantación e reforestación indiscriminada dos eucaliptos provoca cada vez máis rexeitamento.
A orixe deste termo, segundo explica o Portal das Palabras co gallo da súa elección como Palabra do Ano, subliña que foi o maxistrado e botánico francés Charles-Louis L’Héritier, quen lle deu o nome, no s. XVIII, de Eucalyptus obliqua á arbore que chegou ao British Museum desde a famosa expedición do capitán James Cook. O termo está formado pola unión do prefixo eu-, que significa ‘ben’, e kaliptós, que significa ‘cuberto’. Ambos os elementos son de orixe grega: Eucalyptus significa literalmente ‘ben cuberta’, referido á cápsula das súas flores, e ‘oblicua’ remite á forma da base das follas cando son adultas.
O prefixo eu- aparece noutras palabras da nosa lingua cos significados de ben, agradable, correcto, verdadeiro. Así temos: eufonía (efecto agradable ao oído), eumicetos (fungos verdadeiros) ou eupéptico (que facilita a dixestión). Relacionado con kaliptós, o outro elemento compositivo desta voz, está o nome Calypso, que era como se chamaba a ninfa que se ocultaba nunha illa e que entretivo a Ulises durante sete anos na súa viaxe de retorno a Ítaca. Un nome tamén recordado porque era o do barco do capitán Cousteau, e outros, pola música caribeña.
Ante a preocupación social ante o avance das plantacións desta árbore, os colectivos ecoloxistas de Galicia empezaron a difundir o neoloxismo eucaliptización, que describe a tendencia da nosa masa forestal, e o seu reverso, deseucaliptización, que quere denominar o complexo movemento de quitalos do monte.
A formación de verbos derivados de substantivos é frecuente na nosa lingua, por exemplo árbore>arborizar, aroma>aromatizar etc. Sobre o substantivo “eucalipto” formouse así este neoloxismo que se axusta ás regras de formación de palabras propias do noso idioma. Deste xeito, mediante a sufixación xurdiu o verbo “eucaliptizar” e, engadindo o prefixo des-, co sentido de negación ou privación, compúxose o termo “deseucaliptizar”, e de aí “deseucaliptización”, que sería o substantivo que indica acción e que chegou a ser Palabra do Ano de 2018.
FONTE: portaldaspalabras.gal
0 comentarios