Blogia
vgomez

ISS: UN RECUNCHO DA PAZ

 

Houbo un tempo no que colocar unha nave no espazo era moito máis que un logro tecnolóxico. Era a demostración da superioridade dun país sobre o resto. Era a proba palpable de que un sistema social e económico merecía a supremacía sobre a súa  antagonista. A constatación de que toda unha forma de entender o mundo podía (e debía) impoñerse. Durante os anos da Guerra Fría Estados Unidos e a Unión Soviética levaron o seu enfrontamento máis aló do noso planeta. A política de bloques non dubidou en poñer en perigo vidas humanas e investir xigantescas cantidades de diñeiro para conquistar o espazo. E na guerra, todo vale. Valía, por exemplo, ocultar a existencia dunha persoa, manter a súa identidade en segredo durante décadas e borrar incluso o seu nome mencionándolle unicamente como “o enxeñeiro xefe”. Así era como se coñecía a Sergei Korolev, responsable dos grandes avances da Unión Soviética neste campo e sobrevivente dos terribles gulags siberianos, onde foi enviado por Stalin. Korolev foi o principal responsable de que Yuri Gagarin, primeiro  cosmonauta en órbita ao redor da Terra, puidese dicir aquilo de “vexo as cores da paisaxe, bosques, ríos, nubes. Todo é tan fermoso”. Pero o gran rival do soviético, o seu xemelgo desde o lado americano, non quedaba atrás en canto a peripecias biográficas.  Wernher von Braun, alemán, traballou primeiro para os nazis durante a Segunda Guerra Mundial, antes de pasarse ao bando aliado e liderar as investigacións espaciais nos Estados Unidos, país do que adoptou a súa nacionalidade. Foi o seu equipo o que deseñou o foguete que puxo finalmente ao home na Lúa e alá, no noso satélite, hai un cráter que leva o seu nome. Korolev e Von Braun levaron vidas paralelas, influenciáronse o un ao outro, pero xamais se cruzaron e nunca chegaron a coñecerse.

Hoxe en día aquelas historias parecen só un bo material para guións cinematográficos, e a exploración espacial é un terreo no que a cooperación internacional non é só desexable, senón imprescindible se queremos avanzar. Sam Scimemi, director da Estación Espacial Internacional, asegura que este proxecto é "un dos maiores esforzos internacionais a favor da paz” que existen. Grazas á colaboración científica entre as distintas nacións os avances son maiores e máis rápidos. E iso que a ISS tamén naceu como unha ferramenta máis de política exterior durante a Guerra Fría: foi  Ronald  Reagan en 1984 quen a impulsou, convidando a Canadá, Europa e Xapón a participar do proxecto. Unha década despois, desaparecida a Unión Soviética, Rusia uniuse a un proxecto que hoxe conforman 16 países: EEUU, Canadá, Rusia, Xapón, Italia, Bélxica, Holanda, Dinamarca, Noruega, Francia, España, Alemaña, Gran Bretaña, Suecia, Suíza e Brasil.

Na actualidade a Estación Espacial Internacional está aberta cara ao investimento privado, o que pode supoñer un novo salto nas súas posibilidades. Scimemi cre ademais que chegou o momento de recoñecer o gran esforzo e a esperanza que a ISS supón para a humanidade. E cre saber cal é a mellor forma para facelo: outorgarlles o premio Nobel.

FONTE: José L. Álvarez Cedena/elpais.com

0 comentarios