Blogia
vgomez

UN OSO XIGANTE: ARCTOTHERIUM ANGUSTIDENS

Reconstrucción do Arctotherium angustidens xunto aos seus descubridores /Axencia CTyS-UNLam

Hai uns 700.000 anos, o maior carnívoro de Sudamérica era un oso de fronte curta, o Arctotherium angustidens. Esta especie procedente do norte dominaba sen competencia nas chairas do que hoxe é Arxentina. Os exemplares adultos podían chegar a superar os catro metros se se erguían sobre dúas patas e pesar 1.500 quilos. Hai oito meses, paleontólogos arxentinos atoparon restos dun deses xigantescos osos extintos nunha canteira de pedra nos arredores de San Pedro, na provincia de Bos Aires.

Trátase dun exemplar de macho novo, duns 800 quilos de peso, do que se recuperou o cranio e a mandíbula nun excelente estado de conservación.

Este devanceiro prehistórico supera todos os rexistros dos tempos modernos, encabezados por un oso polar de 1.002 quilos abatido por un cazador en Alaska en 1960.

Arctotherium  angustidens viviu desde hai aproximadamente uns 700.000 anos ata hai 500.000 anos. "Foi a especie máis  carnívora. Despois extínguese e comezan a rexistrarse outras, nas que hai unha tendencia moi clara na evolución á redución de tamaño e á  herbivoría", sinalan os investigadores. Como hipótese expoñen que a aparición doutros depredadores, como os dentes de sabre e os iaguaretés, provocou unha competencia polo alimento que influíu neses cambios rexistrados nas especies de osos de América do Sur.

Arctotherium  angustidens pertence ao xénero Arctotherium e a familia dos mamíferos placentarios Ursidae.

FONTE: Mar Centenara/elpais.com/ciencia

0 comentarios