Blogia
vgomez

PLANTAS CURIOSAS II

PLANTAS CURIOSAS II

Orchis italica / Imaxe: quedeflores.com

Continuo con esta serie adicada as plantas con flores, froitos ou sementes moi curiosas, como mostra de que a natureza non deixa de sorprendernos coas súas manifestacións a gran e pequena escala.

2. Orchis italica coñecida comunmente como a flor do home espido pola peculiar aparencia do seu labelo.

É unha orquídea que se atopa en prados e terreos á luz solar directa ou media sombra, arredor do Mediterráneo, por Oriente Medio, e o norte de África. As follas son oblongas cunha lonxitude de 5 cm, medran dende os tubérculos subterráneos que teñen un tamaño máximo de 6 cm e son elipsoides. A inflorescencia que é erecta en espiga, sae da roseta basal de 5 a 10 follas oblongo lanceoladas que ás veces están moteadas de puntos púrpura marronáceos. O tallo está cuberto por unha bráctea cor verde até 2/3 da súa lonxitude.

Presenta unha densa floración con flores pequenas en forma cónica. Os tres sépalos son iguais en tamaño estando soldados polos lados quedando os ápices soltos, estes extremos soltos dos dous laterais cúrvanse cara arriba e o central arquéase cara abaixo. Forman unha especie de gorra que cobre a columna. Os sépalos presentan unha cor púrpura con liñas converxentes de ton máis intenso. O labelo sobresae debaixo do casco 3/4 partes, é de cor rosa esbrancuxada e está profusamente moteado con puntos de rosa máis intensa. O labelo presenta tres lóbulos, o central, máis ancho, ten dúas identacións profundas (no centro sobresae un floco moito máis fino que os flocos que quedan a ambos lados), e dous lóbulos máis pequenos e delgados un a cada lado que están lixeiramente arqueados cara afora e cara arriba. Ten ademais dous pétalos moi reducidos no interior que non se observan a simple vista. Florece desde marzo até xuño. A cor pode variar desde a esbrancuxada a diferentes tons de rosa e púrpura.

Mañá outra!

0 comentarios