UN LUGAR CULTURAL ESPAÑOL NA NOVA LISTA DO PATRIMONIO MUNDIAL DA UNESCO
O Comité do Patrimonio Mundial inscribiu 29 novos sitios na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO na súa 43ª reunión que tivo lugar en Bakú (Acerbaixán), celebrada do 30 de xuño ao 10 de xullo.
Nela aparece un sitio cultural de España: Paisaxe cultural do Risco Caído e montañas sacras de Gran Canaria.
Situado nunha vasta zona montañosa do centro da illa de Gran Canaria, o sitio do Risco Caído caracterízase por unha topografía de cantís, barrancos e formacións volcánicas presentes nunha paisaxe de rica biodiversidade. O seu territorio abarca un considerable número de vestixios de vivendas, cisternas e celeiros troglodíticos, cuxa antigüidade pon de manifesto a presenza dunha cultura insular autóctona que evolucionou de modo autárquico dende a chegada dos bereberes norteafricanos, a principios de nosa era, ata a conquista do arquipélago das Canarias polos españois no século XV. Os vestixios troglodíticos comprenden tamén algunhas covas dedicadas a prácticas rituais, así como os templos ou «almogarenes» do Risco Caído e o Roque Bentayga onde se celebraban cerimonias relacionadas coas estacións do ano. É posible que estes dous « almogarenes» garden relación cun eventual culto rendido aos astros e á «Terra Nai».
FONTE: abc.es
0 comentarios