CRER EN TI MESMO
O escritor Jordi Sierra i Fabra naceu tartamudo, empezou a escribir novelas con oito anos e sufriu acoso escolar. Os seus compañeiros pegábanlle, os seus profesores crían que non chegaría a nada na vida e o seu pai pediulle que non fose escritor, porque aquela profesión non tiña saída. Con todo en contra aproveitou a lectura, a escritura e a música para converterse en autor superventas, situándose entre os 10 autores máis lidos en centros escolares de España. “Direivos algo: cada golpe que recibín fíxome máis forte. Tiña un soño; quería ser escritor. Así que recibín moitos golpes e tragueimos. E eses fixéronme máis forte. Nunca puideron comigo. Un día chorando en casa descubrín que había unha persoa que si cría en min. Sabedes quen? Eu. É suficiente”, explica o autor.
Con máis de 500 títulos escritos e máis de 12 millóns de libros vendidos, a súa traxectoria foi recoñecida con galardóns como a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes 2017, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o Premio Ateneo de Sevilla, o Gran Angular de Literatura Xuvenil e o Premio Edebé. Con todo, o seu maior éxito é a creación do Proxecto Escritores pola Infancia e da Fundación Jordi Sierra i Fabra, que promove a literatura e escritura entre os máis novos. “Coa Fundación Sierra i Fabra levabamos libros a lugares moi distantes, en canoa, en burro... Fomos a un colexio feito por dous barracóns de metal a case 3.000 metros de altura, frío e cheo de barro. Ese día descubrín que existe algo mellor que escribir: que un neno déache as grazas porque lle regalas un libro”, conclúe.
0 comentarios