ROSALÍA DE CASTRO XA TEN A SÚA ESTRELA
Posición da estrella HD 149143, que a partir de agora chámase Rosalía de Castro / IAU
"As estrelliñas todas que aló no espazo están, sorrindo nos miraban con soave craridá". Cando Rosalía de Castro escribía estes versos, e miraba aos astros, seguramente non imaxinaba que o seu nome terminaría facéndose un sitio nese firmamento. Pero os máis de 13.000 votos que conseguiu a súa candidatura puxérona na bóveda celeste, onde non estará soa. Rosalía pon nome á estrela HD 149143 e o planeta HD 149143 b que vira ao redor dela chamarase Río Sar, afluente do Ulla que discorre pola provincia coruñesa e que foi cantado pola escritora galega.
Rosalía de Castro é unha estrela amarela anana, similar ao noso Sol, que se atopa a 240 anos luz da Terra. É un pouco máis grande e masiva que o noso astro. O planeta Sar, descuberto en 2005 polo observatorio francés da Alta Provenza, é un planeta de tipo xigante gasoso e a súa masa é polo menos 1,33 veces a de Xúpiter.
Cartel de apoio á candidatura de Rosalía de Castro
Ata 112 países membros da Unión Astronómica Internacional (IAU) puideron nomear unha estrela, de entre os máis de 4000 sistemas exoplanetarios que coñecemos, por votación popular en cada nación. En España, por detrás da elixida quedaron Tirant e Carmesina, con máis de 5.600 votos, e os nomes dos amantes de Teruel (Diego e Isabel), con máis de 4.500 apoios, segundo explica nunha nota de prensa a Sociedade Española de Astronomía, que organizou o concurso en España xunto ao Planetario de Pamplona. En total, emitíronse desde España 34.179 votos para a ducia de propostas, onde Rosalía de Castro destacou notablemente co 39% das papeletas virtuais.
Todo forma parte do proxecto NameExoWorlds, co que a IAU pretende achegar a astronomía ao gran público, neste ano como parte das actividades de celebración do seu centenario. A IAU é a organización encargada de poñer nomes aos obxectos celestes, que non están en venda, e que soamente en circunstancias moi especiais ábrense a un proceso participativo, como co actual aniversario deste parlamento astronómico mundial. Nesta ocasión, os votos do longo centenar de campañas nacionais suman en total máis de 780.000 votos en todo o mundo.
FONTE: Javier Salas/elpaís.com/ciencia
0 comentarios