GRÁFICO DE BARRAS QUE AMOSAN O QUECEMENTO GLOBAL
O gráfico de EdHawkins amosa estimacións da evolución da temperatura media global nos últimos 2019 anos
O proxecto Show your stripes, "mostra as túas barras", mostraba gráficos que reflectían a evolución da temperatura global ou por países desde 1901. Este traballo de Ed Hawkins, profesor de Ciencias Climáticas na Universidade de Reading, Reino Unido, compartiuse en redes sociais e explicouse e publicouse en medios de comunicación de todo o mundo, inspirando pezas de roupa, portadas de revistas e instalacións rueiras. Agora Hawkins ampliou este gráfico para mostrar a evolución das temperaturas globais dos últimos 2019 anos.
Hawkins explica que “os datos mostran unha tendencia de arrefriado lento ata 1900 e despois un quecemento moi acusado”. Nesta proxección de Hawkins, as liñas azuis corresponden a anos con temperatura media inferior a todo o período e as vermellas, temperaturas superiores.
Pero que pasou antes de 1850?
O clima da Terra cambiou antes por razóns que non teñen que ver coa actividade humana. Cambios na posición dos continentes, a actividade solar, o número de erupcións volcánicas e a órbita da Terra influíron no clima do planeta. Os científicos do clima estudan estas razóns.
Sabemos que ningunha desas razóns poden explicar o quecemento medido desde 1850. Tamén sabemos que un incremento nos niveis de gases de efecto invernadoiro na atmosfera quentará o planeta, como observamos. Son as nosas emisións de dióxido de carbono as que dominan a tendencia recente de quecemento.
Temos observacións suficientes de temperatura medida con termómetros para estimar os cambios na temperatura global media desde ao redor de 1850. Poderiamos levar iso a 1780 (é un traballo que se está facendo actualmente), pero iso é o máximo que podemos levar con suficientes datos fiables.
Pero tamén temos outras interesantes formas indirectas de medir temperaturas pasadas, usando árbores, núcleo de sedimento e xeos, corais e outras criaturas mariñas, estalactitas, etcétera. Estes datos axúdannos a calcular as temperaturas globais dos últimos 2000 anos.
Si, a incerteza nestas estimacións é maior que para os datos recentes de termómetros, pero aínda así proporcionan contexto realmente útil para os cambios recentes. Os datos mostran unha tendencia ao arrefriado ata ao redor de 1900 e logo un quecemento moi acusado, consistente coas nosas medidas de termómetros.
Así que agora podemos obter as barras de quecemento ata o ano 1 d.C., usando reconstrucións da temperatura global dos datos indirectos, usando PAGES2k, cos últimos 19 anos con estimacións baseadas en datos de termómetros.
0 comentarios