Blogia
vgomez

A TERRA CAPTURA UNHA NOVA LÚA: 2020 CD3

 

A Terra acaba de capturar unha nova lúa. É pequena, pouco maior que un automóbil, pero segundo os astrónomos entrou hai moi pouco a formar parte da colección de satélites naturais que acompañan ao noso planeta.

O pasado 18 de febreiro, en efecto, un equipo de investigadores do Catalina Sky Survey, en  Arizona, divisou un obxecto escuro movéndose rapidamente a través do ceo. Durante os días seguintes, outros seis observatorios de todo o mundo observaron tamén o misterioso obxecto, designado como 2020 CD3, e calcularon a súa órbita, confirmando que leva polo menos tres anos unido gravitacionalmente á Terra. 

O seguinte paso foi anunciar o descubrimento no Minor Planet Center, desde onde se seguen as traxectorias de pequenos corpos no espazo. Nun comunicado, os científicos aseguran que "non se atopou ningún vínculo cun obxecto artificial coñecido", o que implica case con toda seguridade que trátase dun asteroide "capturado" ao voo pola gravidade terrestre mentres pasaba preto do noso planeta.

Trátase, que saibamos, do segundo asteroide que a Terra converte nunha nova lúa. O primeiro, 2006 RH120, foi un satélite terrestre durante apenas un ano (entre setembro de 2006 e xuño de 2007) e despois conseguiu escapar, perdéndose de novo na inmensidade do espazo.

Segundo os astrónomos, a nova lúa ten entre 1,9 e 3,5 metros de diámetro, polo que non é rival para o principal satélite da Terra. Xira ao redor do noso planeta unha vez cada 47 días nunha ampla órbita ovalada que a leva periodicamente a estar moito máis preto de nós que a Lúa.

Con todo, esa órbita non é estable, polo que é moi probable que en cuestión de apenas uns meses 2020 CD3 sexa "lanzada" moi lonxe da Terra.

FONTE: José Manuel Nieves/abc.es/ciencia

0 comentarios