HUMAN PROTEIN ATLAS
Proteínas do cerebro / Human Protein Atlas
Un equipo internacional de científicos dirixido por investigadores do Instituto Karolinska (Suecia) obtivo unha visión xeral integral de todas as proteínas expresadas no cerebro. A base de datos de libre acceso, publicada na revista Science, ofrece aos investigadores un recurso sen precedentes para profundar na comprensión da neurobioloxía e, ademais, para desenvolver terapias e diagnósticos novos e máis efectivos dirixidos a enfermidades psiquiátricas e neurolóxicas.
O cerebro é o órgano máis complexo do noso organismo, tanto en estrutura como en función. O novo recurso, denominada Brain Atlas, baséase na análise de case 1.900 mostras de cerebro que cobren 27 rexións do cerebro, combinando datos do cerebro humano coa información correspondente dos cerebros de porco e o rato.
"Como se esperaba, o cerebro é común aos mamíferos, pero o novo mapa tamén revela diferenzas interesantes entre os cerebros de humanos, porcos e ratos", afirman os investigadores.
E a rexión do cerebro máis diferente é o cerebelo. Os investigadores acharon moitas proteínas con niveis de expresión elevados nesta rexión, incluídas algunhas asociadas a trastornos psiquiátricos que apoian o papel do cerebelo no procesamento das emocións.
"Outro achado interesante é que os diferentes tipos de células do cerebro comparten proteínas especializadas cos órganos periféricos", explica a primeira autora do artigo. "Por exemplo, os astrocitos, as células que ’filtran’ o ambiente extracelular no cerebro comparten moitos transportadores e encimas metabólicas coas células no fígado que filtran o sangue".
Ao comparar os sistemas de neurotransmisores, responsables da comunicación entre as neuronas, pódense identificar algunhas diferenzas claras entre as especies.
O Human Protein Atlas comezou en 2003 co obxectivo de mapear todas as proteínas humanas en células, tecidos e órganos (o proteoma). Todos os datos no recurso de coñecemento son de acceso libre, o que permite aos científicos, tanto académicos como industriais, utilizar libremente os datos para a exploración do proteoma humano.
FONTE: R. I./abc.es/ciencia
0 comentarios