Blogia
vgomez

ACHADOS OS RESTOS DUN PEIXE CON MANS E DO PRIMEIRO PAXARO MODERNO

Reconstrución artística dun Asteriornis maastrichtensis e un Elpistostege watsoni / PHILLIP KRZEMINSKI/KATRINA KENNY

Boas noticias desde o pasado. A análise de restos fósiles de animais prehistóricos proporciona unha nova mirada sobre os primeiros peixes con dedos e as primeiras aves modernas. Estes achados, publicados en diferentes artigos da revista Nature, fan referencia ao fascinante proceso de evolución das especies. Non son, por tanto, elos perdidos. Senón unha parte máis da transición entre os animais prehistóricos e os que coñecemos hoxe en día. Nun caso, uns restos fósiles de máis de 360 millóns de anos permite coñecer un pouco máis aqueles exemplares de peixes que empezaron a desenvolver extremidades parecidas ás dun vertebrado terrestre. No outro, un cranio de máis de 66 millóns de anos mostra o paxaro moderno máis antigo xamais achado que, sorprendentemente, mostra características similares aos pitos e patos actuais.

Ambas as historias, aínda que moi diferentes entre si, permiten botar unha mirada inédita ao pasado. E lembrar que a evolución pouco ten que ver con aquelas imaxes lineais en cadea nas que unha especie substitúe a outra ata configurar o panorama que vemos actualmente. Porque, segundo a testemuña que deixaron os restos fósiles, tratouse dun  intrincado proceso no que diferentes ‘etapas evolutivas’ dunha especie podían convivir durante miles de anos antes de que unha proseguise o seu camiño. 

OS PRIMEIROS DEDOS NOS PEIXES

O achado dun fósil dun peixe prehistórico de máis dun metro e medio de longo e cunhas aletas que empezaban a tomar forma das extremidades dun vertebrado podería adiantar, bastante, a data das primeiras pisadas sobre chan terrestre. Aínda que non é a primeira vez que se atopa un exemplar de Elpistostege watsoni, un peixe considerado como unha transición entre os antigos animais acuáticos e os posteriores vertebrados terrestres, si estamos diante dos restos fósiles máis completos achados ata a data desta especie. "A transición dos peixes aos tetrápodos (os animais de catro extremidades) foi unha das transformacións máis importantes na evolución dos vertebrados", explican os expertos como introdución ao recentemente publicado estudo.

Os restos óseos suxiren que os primeiros animais que  andaron sobre catro patas fixérono hai uns 374 millóns de anos. As pegadas fósiles, en cambio, suxiren que isto ocorreu moito antes. Así que, ata o de agora, o problema era atopar uns ósos que, sendo testemuña da súa época, puidesen resolver o debate. A análise deste novo fósil de peixe prehistórico, que habitou as augas canadenses hai uns 393 e 359 millóns de anos, achega información inédita ata a data. Grazas a unha tomografía computarizada de alta enerxía, os científicos lograron descifrar a anatomía deste fósil para descubrir como as súas aletas pectorais mostran trazos similares aos dunha man dun vertebrado terrestre. Mesmo se puido observar a presenza duns pequenos ósos parecidos a uns dedos. A partir desta análise, os expertos suxiren que a orixe das mans dos vertebrados non é outro que unha evolución dunha aleta pectoral destes peixes prehistóricos.

Comparación da estrutura ósea dun Elpistostege watsoni coa dunha man humana /  JOHN  LONG


O PRIMEIRO PAXARO MODERNO

Un espectacular fósil, que durante milenios permanecera oculto entre as pedras dunha canteira situada na fronteira entre Bélxica e Holanda, resultou ser a ave moderna máis antiga xamais achada. O equipo internacional de investigadores que se encargou do seu estudo alcumouno, cariñosamente, como Wonderchicken. Algo así como ’o pito marabilla’. E é que resulta que este espécime mostra que un ave similar aos actuais patos e pitos conviviu cos dinosauros, hai máis de 66 millóns de anos. Isto, por tanto, suxeriría que os paxaros tal e como os coñecemos emerxeron durante o final do Cretáceo. Polo menos un millón de anos antes de que un asteroide desencadease a famosa extinción masiva que acabou cos grandes dinosauros.

A análise destes restos fósiles atrapados en pedra puido reconstruír practicamente á perfección o cranio deste espécime. Máis aló dos alcumes cariñosos, o nome científico que se lle outorgou é o de Asteriornis maastrichtensis, en referencia á deusa grega Asteria que se converteu en paspallás para fuxir o impacto das estrelas fugaces. Seguindo coa metáfora, os investigadores estudan agora como lograron estes animais sobrevivir ao impacto masivo do asteroide que acabou cos grandes vertebrados terrestres. Por agora, todo o que sabemos deste ’pito marabilla’ é que pesaba pouco máis de 400 gramos. E que, dado que se conservaba entre sedimentos mariños, é probable que vivise preto da costa.

FONTE: Valentina Raffio/elperiodico.com

0 comentarios