Blogia
vgomez

ADALATHERIUM HUI: O MAMÍFERO MÁIS RARO QUE EXISTISE XAMAIS

Reconstrución do Adalatherium hui, novo mamífero de finais do Cretácico en Madagascar - Andrey Atuchin

Se botamos unha ollada á súa reconstrución, podería pasar por un teixugo común e corrente. Pero as aparencias enganan, porque a súa auténtica extravagancia está no seu interior. Un equipo internacional de investigadores descubriu en Madagascar un animal único que viviu Hai 66 millóns de anos en Gondwana, a metade sur na que se dividiu o antigo supercontinente Pangea. Trátase dun mamífero cunha serie de estrañas características nunca vistas en ningún outro vivo ou extinto. Estas rarezas e o seu gran tamaño en comparación ao dos seus parentes continentais, parecen ser froito de evolucionar illado durante millóns de anos. Foi bautizado Adalatherium hui, da palabra malgache que significa «tolo» e a grega para «besta». 

A maioría dos mamíferos da era mesozoica (hai entre 252 a 65 millóns de anos) foron atopados en Laurasia, o que viña ser o hemisferio norte, pero non en Gondwana, o bloque continental sur moito máis pequeno. Aquí só apareceran uns escasos restos, mandíbulas e dentes illados, e un único cranio. Por iso, o esqueleto de Adalatherium hui foi recibido como un tesouro. Ademais, a súa conservación é fantástica. Inclúe unha gran cantidade de vértebras do tronco e unha cola curta e ancha. O esqueleto foi descrito na revista Nature.

Esqueleto de Adalatherium hui

Adalatherium apenas medía uns 52 cm de lonxitude e pesaba pouco máis de 3 quilos, pero era un xuvenil, polo que os investigadores cren que os adultos serían un pouco máis grandes e pesados. Poida que a súa reconstrución lembre a un teixugo común e corrente, pero a súa «normalidade» é só superficial. Debaixo da superficie, o seu esqueleto era pouco menos que «extravagante».

Para empezar, tiña máis buracos na cara que ningún outro mamífero coñecido, buracos que servían como pasaxes para os nervios e os vasos sanguíneos que fornecían a un fuciño moi sensible do que probablemente saía disparado un chorro de bigotes. Ademais, había un buraco moi grande na parte superior do seu fuciño xamais visto en ningún mamífero coñecido, vivo ou extinto. Varias características do oído interno e a forma posterior do cranio tamén son únicas. No estudo crese que este animal, "raro entre os raros", "era un escavador que posiblemente facía tobos". Isto é o que parecen indicar algunhas das súas características similares ás do teixugo, como "as extremidades posteriores potentes e unha cola curta e rechoncha".

Os dentes molares e frontais tamén teñen unha construción moi diferente á de calquera mamífero coñecido. "Cremos que os frontais usábanse para roer e os posteriores para cortar vexetación dalgún tipo. Noutras palabras, probablemente era un  herbívoro", indican.

Adalatherium hui é tamén o espécime máis completo dun grupo moi pouco coñecido de mamíferos chamados gondwanatherianos (porque todos foron atopados en Gondwana), o que permite aos científicos, por primeira vez, obter unha boa visión de como era ese grupo, como vivía e con que outros mamíferos están relacionados. De feito, os investigadores cren que os moitos atributos estraños desta «besta tola» son o resultado de evolucionar na cuarta illa máis grande da Terra durante máis de 20 millóns de anos, unha contorna moi diferente ao do continente, con diferentes recursos, competidores, depredadores, parasitos, etc. O seu gran tamaño, en comparación con outros mamíferos da época, é consistente coa regra de que algúns mamíferos fanse máis grandes cando evolucionan de forma illada nunha illa.

FONTE: Judit de Jorge/abc.es/ciencia

0 comentarios