Blogia
vgomez

TEMPO DE VACINAS:JAUME FERRAN I CLUA

Jaume Ferran i Clua

Neste tempo de pandemia, son múltiples os intentos que se estan a levar a cabo na procura dunha vacina conta o COVID-19 e que, seguramente, irán acompañados de pequenos fracasos e incomprensión na procura de tan preciado anhelo. Cecais sexa o momento para volver a vista a trás e lembrar unha aportación española ao mundo das vacinas. Trátase dun ilustre médico e bacteriólo catalán chamado Jaume Ferran i Clua, un personaxe que axuntaba os valores científicos co servizo á cidadanía.

Jaume Ferran i Clua, naceu en Corbera d’Ebre (Tarragona) o 1 de febreiro de 1851 e morreu en Barcelona o 22 de novembro de 1929. Pasou á historia, fundamentalmente,  polo desenvolvemento da primeira vacina fronte ao cólera.

A primeira semana de maio de 1885 o cólera puxo en xaque á cidade de Valencia, a infección procedía de Marsella, onde se cobrou durante o último ano máis de 3.500 vidas. En tan só unhas semanas diagnosticáronse case 8.000 casos na cidade do Turia, por ese motivo as autoridades sanitarias contactaron co doutor Ferrán, que estaba a traballar nunha vacina fronte ao Vibrio cholerae.

En 1884 o Concello de Barcelona comisionárao para estudar o caso francés e establecer medidas preventivas no caso de que a enfermidade chegase a Cataluña. O mozo científico seguira moi de preto os estudos de Pasteur e de Koch, polo que se propuxo desenvolver unha vacina seguindo os procedementos do químico galo.

Poñendo en perigo a súa vida fíxose con cinco mostras  microbiológicas en Marsella e iniciou o retorno a Tortosa. Con todo, cando chegou á fronteira da Junquera comezaron os problemas, impedíaselle o paso ante o risco de contaxio biolóxico. Durante oito longos días argumentou todo tipo de explicacións e temendo que as mostras se estragasen decidiu pasar á acción. Buscou unha solución para enganar aos funcionarios de aduanas e ocultounas dentro dun dos seus calcetíns.

Xa no seu pequeno laboratorio desenvolveu a vacina e demostrou a súa eficacia utilizando á súa propia familia de improvisadas cobaias.

A mediados de maio de 1885 o doutor Ferrán e o seu novo equipo iniciaron a vacinación masiva dos valencianos con 30.000 dose anticoléricas. Os resultados non se fixeron esperar, a vacina, a primeira da historia fronte a esta enfermidade, foi un verdadeiro éxito.

A pesar de todo, no noso país houbo unha forte oposición, non só entre a comunidade científica española, con Santiago Ramón e Cajal, naqueles momentos catedrático de medicina da Universidade de Valencia, á cabeza, senón tamén no sector político.

As presións desde os grupos máis sectarios provocaron que o 18 de maio o Congreso dos Deputados aprobase unha Real Orde segundo a cal tan só se permitía seguir vacinando ao doutor Ferrán, a ninguén máis do seu equipo, e a condición de que o fixese diante dun delegado do goberno.

Diante aquela soberana idiotez non tivo máis remedio que claudicar, con bágoas nos ollos, e rexeitou continuar coa vacinación masiva da poboación. Ao final, faleceron máis de 150.000 persoas en toda España e non foi ata 1909, cando xa pasara case un cuarto de século, cando a vacinación fronte ao cólera foi aprobada en España.

Os traballos de Ferrán foron recibidos pola comunidade científica internacional de forma moi desigual. A súa tese foi rexeitada por importantes institucións europeas como a Royal Society ou a Universidade de Cambridge, pero contou co apoio de prestixiosos científicos como Charles A Calmet, Paul Erhlich ou Pierre Roux.

Os traballos do doutor Ferrán non terminaron con esta vacina, seguiu investigando e anos despois desenvolveu outra fronte ao tifus, contra a rabia e diversas medidas profilácticas no campo das enfermidades infecciosas.

Vaia por diante o noso modesto recordo e agradecemento ao investigador que foi  tardíamente recoñecido e inxustamente esquecido, pero que descansa onde lle corresponde, no olimpo dos grandes médicos que forman parte da Historia da Medicina.

FONTE: Pedro Gargantilla/abc.es/ciencia Imaxe: dbe.rah.es/biografias/9518/jaime-ferran-y-clua

0 comentarios