AS MARABILLAS NATURAIS MÁIS ESTRAÑAS DA TERRA XIII
Continúo coa serie as marabillas naturais máis estrañas da Terra, onde viaxaremos polo mundo natural, que nos amosa formas caprichosas, ecosistemas ancorados en milenios pasados, formas misteriosas,...
Hoxé imos a...
13. Cristais de xeso da cova de Naica (México)

Espectáculo extraterrestre? Quizá o dalgún fragmento dos conxelados  aneis de Saturno? Pois vai ser que non, que non é necesario opositar a  astronauta para poder acceder a este portentoso universo de seres  inorgánicos elementais, os cristais de xeso máis xigantescos xamais achados en parte algunha.  Tan só temos que viaxar á serra de Naica, ao sur da cidade de  Chihuahua, en México. Unha vez alí, introducirnos 300 metros baixo terra  e, apelando á nosa boa estrela, manternos vivos uns minutos mentres  admiramos as selenitas, nome científico de tales cristais, xa  que a temperatura da gruta, superior aos 50º C, e a súa humidade  inhumana, case do 100%, non fan dela un lugar precisamente apto para ir  de picnic.
 
 Descuberta por casualidade en 2000 por dous obreiros  da mina de Naica, considérase un dos achados xeolóxicos máis  importantes do noso tempo. As selenitas, que se entrecruzan desde o chan ata o teito nunha madeixa inextricable con aparencia de brillantes  témpanos de xeo, miden, na súa maioría, uns 6 metros de lonxitude (aínda que as maiores  chegan aos 11), alcanzando espesores dun metro e un peso de 50 toneladas. Diante tamañas dimensións, as da cova non deixan de ser exiguas: 50 metros de longo por 20 de ancho.
 
 Descender á caverna de Naica é como facelo ás caldeiras de Pedro  Botero. As súas condicións ambientais extremas impiden permanencias  superiores aos 10 minutos, baixo risco de sufrir un shock térmico ou un  colapso por deshidratación. Recentemente, o equipo de investigadores  demostrou que as selenitas medraron de modo milimétrico, ao  redor do grosor dun cabelo humano por século. É a velocidade máis lenta  xamais medida na formación de cristais. Coñecendo os seus tamaños  actuais, un simple cálculo aritmético dinos que se orixinaron… fai un  millón de anos! A máis refinada e repousada ourivaría da radiante matriz  da Terra.
FONTE: Javier Jayme/abc.es
 
       
		
0 comentarios