Blogia
vgomez

UN LIBRO-GUÍA: "PLASTICUS MARITIMUS. UNHA ESPECIE INVASORA"

UN LIBRO-GUÍA: "PLASTICUS MARITIMUS. UNHA ESPECIE INVASORA"

 

Hoxe quérovos presentar o libro informativo “Plasticus Maritimus. Unha especie invasora”. Un caderno de viaxe da bióloga Ana Pêgo, escrito por Isabel Minhós Martins e a propia Ana e ilustrado por Bernardo P. Carvalho.

Un verdadeiro manual para mozos, adultos e, sobre todo, para nenos. Para concienciar desde a escola do gran problema que hai co plástico nos océanos.

Se os peores prognósticos se cumprisen, en 2050 o peso do plástico nos océanos superaría o dos propios peixes; non en van, calcúlase que uns 8 millóns de toneladas dese material, do cal a metade é dun só uso, acaban cada ano no ecosistema mariño.

Este libro é unha guía que presenta a ficha científica desa “especie invasora” que urxe erradicar. A autora e promotora do proxecto «Plasticus maritimus», medrou á beira dunha praia, observando, aprendendo e apreciando a súa biodiversidade, forxando a activista na que se converteu como beachcomber nunha rede internacional de expertos que axudan a identificar os plásticos recollidos. Dende os obxectos nos que queda atrapada a fauna mariña ou intoxicada pola súa inxesta ata os microplásticos de menos de 5 mm. que se introducen na cadea trófica, esta obra alerta sobre un tipo de contaminación que xa formou a súa propia illa no Pacífico.

Moi recomendable!

0 comentarios