O OURO DOS PARVOS PODE SER VALIOSO DESPOIS DE TODO
Esquerda: Pirita / mineralesdelmundo.com Dereita: Exemplo dun cristal de sulfuro de ferro (pirita) cultivado no laboratorio da Universidade de Minnesota cunha pureza extremadamente alta usando un método chamado transporte de vapor químico/Universidade de Minnesota
Científicos e enxeñeiros da Universidade de Minnesota transformaron eléctricamente sulfuro de ferro, un material abundante coñecido como pirita ou «ouro dos parvos» (polo seu parecido con iste, aínda que o seu valor é moito menor) nun material magnético. Trátase da primeira vez que se transforma un elemento non magnético noutro que si o é, o que podería ser un novo paso para construír novos compoñentes que melloren, por exemplo, a memoria dos computadores cun gasto enerxético máis eficiente. Os resultados publícanse na revista Science Advances.
"A maioría das persoas con coñecementos en magnetismo probablemente dirán que é imposible transformar eléctricamente un material non magnético nun magnético. Con todo, cando miramos un pouco máis aló, vimos un roteiro potencial e fixémolo realidade", afirma o investigador principal do estudo.
Estes investigadores, estiveron estudando o sulfuro de ferro durante máis dunha década para o seu posible uso en células solares. O xofre en particular é un subproducto moi abundante e de baixo custo da produción de petróleo. Pero, de momento, aínda non deron coa clave.
O obxectivo do estudo era manipular as propiedades magnéticas dos materiais cunha voltaxe soa, con moi pouca corrente eléctrica, o cal é importante para conseguir que os dispositivos magnéticos sexan enerxéticamente máis eficientes. O progreso ata a data incluíra activar e desactivar o ferromagnetismo noutros tipos de materiais magnéticos. Con todo, o sulfuro de ferro ofrecía a posibilidade de inducir ferromagnetismo potencialmente eléctrico nun material completamente non magnético.
No estudo, os investigadores utilizaron unha técnica chamada activación de electrolitos. Tomaron o material de sulfuro de ferro non magnético e puxérono nun dispositivo en contacto cunha solución iónica ou electrolito. Logo aplicaron tan só 1 voltio (menos voltaxe que unha batería doméstica), moveron moléculas cargadas positivamente á interface entre o electrolito e o sulfuro de ferro, e induciron o magnetismo. É importante destacar que puideron apagar a voltaxe e devolver o material ao seu estado non magnético, o que significa que poden activar e desactivar o magnetismo de forma reversible.
Os investigadores afirman que o seguinte paso é continuar a investigación para replicar o proceso a temperaturas máis altas, o que os datos preliminares do equipo suxiren que certamente debería ser posible. Tamén esperan probar o proceso con outros materiais e demostrar potencial para dispositivos reais.
FONTE: abc.es/ciencia
0 comentarios