Blogia
vgomez

A PANDEMIA CHEGOU DO ESPAZO

Nalin Chandra Wickramasinghe (Colombo-Sri Lanka, 1939), astrofísico británico de orixe cingalés. É coautor, xunto ao tamén astrónomo británico, Fred Hoyle (Bingley-Yorkshire-Inglaterra, 1915 - Bournemouth-Inglaterra,2001), da teoría da panspermia, segundo a que a vida non se iniciou na Terra; chegou a bordo de meteoritos ou cometas que arrastraban partículas de vida que flotan no po cósmico. A hipótese tiña ramificacións fascinantes. Entre outras cousas, segundo eles, expuñan que moitas das epidemias que azoutan á humanidade chegan á Terra cando o noso planeta cruza as nubes de po que os cometas deixan ao seu paso e que producen choivas de estrelas como as recentes Perseidas.

Wickramasinghe, que foi profesor de Matemáticas Aplicadas e Astronomía na Universidade de Cardiff durante máis de tres décadas, ten máis de 70 artigos publicados en Nature, seguiu combinando o seu traballo máis ortodoxo coas súas ideas peregrinas. O seu último artigo de impacto, publicado na revista Advances in genetics, afirma que a actual pandemia de coronavirus ten a súa orixe no espazo. En concreto, chegou nun meteorito que caeu no nordeste de China o 11 de outubro de 2019. Segundo Wickramasinghe e os seus colegas, a rápida expansión da enfermidade pola zona e a aparición de casos afastados de Wuhan explicaríase mellor cunha especie de bombardeo desde o espazo que da forma convencional, a partir dun salto do virus de animais a humanos.

Noutros artigos anteriores, defendeu que unha orixe espacial sería a explicación máis razoable ao comportamento da pandemia de gripe de 1918 e o mesmo sucede co brote do primeiro SARS. Entón, nunha carta publicada na revista The Lancet, afirmaba que, aínda que o virus parecía pouco infeccioso, poderían darse rebrotes pola presenza residual do patóxeno na estratosfera. Ademais, expuña que o virus podía retornar de maneira estacional, unha vez ao ano, como suceden as choivas de estrelas cando atravesan a rexión do espazo na que queda flotando unha nube de partículas tras o paso dun cometa.

Wickramasinghe non é Miguel Bosé, con todos os respectos. Publicou nas mellores revistas científicas do mundo, pero as súas ideas peregrinas non explican mellor a realidade que o relato oficial. Os humanos convivimos con coronavirus con estruturas similares ás do SARS-CoV-2 desde hai moito tempo (o primeiro illouse en 1965) e nas inmediacións de Wuhan atopáronse morcegos con especies que poden explicar a actual pandemia. Sábese que as infeccións virais afectan aos humanos e aos seus devanceiros desde hai millóns de anos e a teoría evolutiva ofrece unha boa explicación para a aparición de novas especies destes seres que non están vivos do todo.

Unha idea peregrina!

FONTE: Daniel Mediavilla/materia/elpais.com/ciencia

0 comentarios