CITA CO CEO: A CARA DA LÚA
A cara da Lúa: identificación de mares e recreación artística / L. Voiatour/Weeneido/Cranyx/Reddit
Gocemos estes días de lúa chea da ilusión óptica coñecida como ’a cara da lúa’, que lucirá brillante preto de Xúpiter e Saturno.
O último plenilunio do verán terá lugar o vindeiro mércores 2 de setembro. Pero durante istes días xa temos a superficie do noso satélite moi iluminada. Nesta noite, a lúa brillará xa moi xibosa e case enche á esquerda do planeta dos aneis, Saturno.
Con esta visibilidade, xa podemos aproveitar para ir localizando a pareidolia da "cara da lúa". Trátase dunha ilusión óptica, un fenómeno psicolóxico no noso cerebro, que nos suxire, caprichosamente, que a superficie da lúa forma unha cara humana.
A ’cara da lúa’ está formada polas grandes zonas escuras (’mares’) da superficie lunar que están marcados con números na imaxe superior: os ollos fórmano o Mare Imbrium (1) e o Mar Serenitatis (2), o nariz os mares Vaporum (3) e Insularium (4), e a gran boca os mares Cognitum (5) e Nubium (6).
Naturalmente estes mares non teñen nada que ver coa auga. Os mares lunares (ou ’maria’) creáronse ao longo de millóns de anos polo impacto de meteoritos que perforaron a superficie da Lúa producindo así grandes depresións no terreo que, máis tarde, foron enchidas e achandadas por lava basáltica procedente do manto lunar. O basalto destas grandes planicies é máis escuro que o regolito que está depositado sobre gran parte do chan lunar. O contraste de brillo (a súa eficiencia para reflectir a luz) entre os mares máis escuros e as terras altas circundantes, que é máximo na lúa chea, é o que forma a ilusión óptica de ’a cara da lúa’.
Aínda que con diferentes variantes, a cara da lúa foi percibida por moitas civilizacións ao longo da historia da humanidade. Pero non creo que haxa que tomar este fenómeno psicolóxico como un desexo de ver un ser superior que nos tutela ou nos vixía, senón, simplemente, o empeño do noso cerebro por recoñecer nunha imaxe amorfa, un patrón ou unha figura que nos resulte familiar.
FONTE: Rafael Bachiller/elmundo.es/ciencia
0 comentarios