Blogia
vgomez

SABÍAS QUE... (ALFONSO XIII-A GUARDA)

O Xiralda / Imaxe: lavoz.es

Sabías que... Tal día coma hoxe, o 1 de setembro de 1900, o rei Alfonso XIII (que daquela tiña 14 anos), acompañado da súa nai, a raiña rexente, dona María Cristina de Habsburgo-Lorena, as infantas (María das Mercedes e Mª Teresa de Borbón) e o Presidente do Consello de Ministros, Francisco Silvela, a bordo do Giralda estivo na Guarda.

Iso si, observaron dende o mar a desembocadura do Miño, pero non desembarcaron. Foron saudados con salva e a bandeira nacional dende o cumio do Trega.

O obxectivo da viaxe era familiarizar ao mozo Alfonso XIII coa vida do mariño e poñelo en contacto directo coas terras e xentes do litoral norteño. Ademais, a viaxe serviría de campaña publicitaria da monarquía.

Esta comezara en San Sebastián o 16 de agosto. A Galicia, en concreto A Coruña, chegaron o día 22, despois de escalas en Bilbao, Xixón e Avilés. Estiveron en Galicia ata o 7 de setembro, que regresou a santander. Visitou Corcubión, Muros, Marín, Pontevedra, Vigo, A guarda, Vilagarcía de Arousa, Cariño, A Graña, Ferrol, Bares, O Barqueiro e Viveiro.

O Xiralda foi un iate construído para o famoso político, estadista e deportista angloirlandés Hugh McCalmont en 1894. Pouco antes do inicio da guerra hispano-estadounidense foi adquirido pola Armada Española para ser utilizado como aviso, e tras a contenda, foi utilizado como iate real por Alfonso XIII. Tiña unha eslora de 95 m e unha manha de 10,7 m, 3 mastros, unha potencia 8500 cv, combustible de carbón (436 t), cunha velocidade de 20,9 nudos e unha tripulación de 105 homes.

FONTE: Xosé Alfeiran/lavoz.es, MªSoledad Diz Amil/galiciasuroeste.info e es.wikipedia.org

1 comentario

paideleo -

E sabes que mañán estará o mantido do seu bisneto en Tui ?