Blogia
vgomez

O PLANETA PI (π)

O planeta do tamaño da Terra xira ao redor da súa estrela cada 3,14 días / NASA Ames/JPL-Caltech/T. Pyle, Christine Daniloff, MIT

Ás veces o universo conspira para que pasen cousas tan curiosas como esta. Científicos descubriron unha "Terra π (pi)", un planeta do tamaño do noso situado a 185 anos luz que vira ao redor da súa estrela cada 3,14 días, nunha órbita que lembra á constante matemática universal.

Os investigadores acharon sinais da existencia do planeta en datos tomados en 2017 pola misión K2 do telescopio espacial Kepler da NASA. O equipo analizou os sinais, probando diferentes escenarios potenciais para a súa orixe, e confirmou que probablemente se trataba dun exoplaneta en tránsito e non doutros fenómenos, como un sistema  binario de dúas estrelas en espiral.

Entón recorreron a SPECULOOS, unha rede de telescopios terrestres nos dous hemisferios que busca mundos similares ao noso ao redor de estrelas ananas ultra frías próximas. Estas estrelas pequenas e tenues ofrecen aos astrónomos unha mellor oportunidade de detectar un planeta en órbita e caracterizar a súa atmosfera, xa que carecen do resplandor das moito máis grandes e brillantes. Desta forma, confirmaron que se trataba dun planeta. Un que aínda hoxe parece estar a dar voltas á súa estrela, cun período similar a π, cada 3,14 días.

"O planeta móvese como un reloxo", afirma o autor principal do estudo, publicado en The Astronomical Journal.

Etiquetado como K2-315 b, este novo mundo ten un radio de 0,95 o da Terra, polo que é case do mesmo tamaño. Xira a unha velocidade de 81 quilómetros por segundo ao redor dunha estrela fría de baixa masa que ten aproximadamente unha quinta parte do tamaño do Sol.

Aínda que a súa masa aínda non se determinou, os científicos sospeitan que K2-315 b é terrestre. Pero é probable que non sexa habitable, xa que a súa órbita estreita achégao o suficiente á súa estrela como para quentar a súa superficie ata 176º C, perfecto para enfornar un pastel nun forno.

FONTE: abc.es/ciencia

0 comentarios