O IKIGAI E O ICHIGO-ICHIE
Escritor, ensaísta, tradutor e músico, Francesc Miralles é un dos autores de desenvolvemento persoal máis influentes do mundo. Creador de tendencias para o crecemento persoal e o autocoñecemento, escribiu numerosos libros e é o responsable, xunto a Hector García, de dar a coñecer en Occidente o concepto xaponés Ikigai, un enfoque vital baseado na idea do “propósito vital”. Descubrir o noso Ikigai equivale a entender cal é a nosa “razón de ser” no mundo, pescudar que nos apaixona e que podemos achegar: “Todos temos o noso Ikigai e normalmente relaciónase con aquilo que nos apaixonaba cando eramos nenos”, explica Miralles.
No seu achegamento ao mundo oriental, Francesc Miralles descubriu outro concepto que nos axuda a vivir de forma máis plena: o Ichigo-Ichie, que se basea na idea de que cada momento que vivimos é único, e por tanto, non se repetirá xamais.
Francesc Miralles deu a coñecer o concepto Ikigai en todo o planeta, e está a inspirar a centros educativos e empresas, que comprobaron como poñer o propósito vital en primeiro lugar mellora a felicidade de alumnos e equipos de traballo. É aplicable á educación e á vida profesional, xa que defende que manter a paixón e non perder de vista os obxectivos, axuda a sobrepoñerse ás dificultades e a saír reforzados diante calquera cambio ou crise.
0 comentarios