MARTE SEGUE PERDENDO AUGA E MÁIS RÁPIDO DO QUE SE PENSABA
Na Terra, a auga é vida; foi unha ferramenta esencial para a evolución da vida na Terra. Outros planetas rochosos como Marte e Venus tamén posuían este recurso, moita auga pero, na actualidade, Marte é un deserto xeado e seco e Venus, un mundo infernal de ácido presurizado.
En setembro de 2020 coñecemos que hai moita máis auga da que se pensaba baixo o xeo de Marte (auga líquida salgada).
Agora, un equipo de científicos determinou que a auga de Marte está a desaparecer aos poucos da superficie. Segundo os datos da nave espacial MAVEN da NASA a auga da atmosfera non está confinada na capa inferior senón que descubriron que escapa ao espazo, pois MAVEN atopou auga na atmosfera superior de Marte, onde os átomos de hidróxeno e osíxeno rompen ao reaccionar cos ións presentes no aire e o hidróxeno liberado pérdese no espazo.
Os científicos puideron rastrexar este comportamento estacionalmente para mostrar que a abundancia de auga alcanzou o seu punto máximo durante o verán austral. E o que é máis sorprendente, as tormentas de po como a que acabou co rover Opportunity da NASA aumentan a perda atmosférica.
“Isto cambia por completo a forma en que pensamos que o hidróxeno, en particular, estaba a perderse no espazo”, afirma o químico planetario Shane Stone da Universidade de Arizona en Tucson no seu estudo publicado na revista Science.
A superficie de Marte foi moldeada por auga fluíndo no pasado, xa o sabemos, pero hoxe o planeta é un deserto árido e avermellado. Anteriormente, os científicos pensaban que a auga de Marte perdíase nun "goteo lento e constante", cando a luz solar dividía a auga na atmosfera inferior e o hidróxeno difundíase gradualmente cara arriba, di Stone.
Pero MAVEN, que leva orbitando o planeta vermello desde 2014, recolleu moléculas de auga na ionosfera de Marte, a altitudes duns 150 quilómetros. Un dato realmente rechamante pois, con anterioridade, a auga máis alta que se viu era de apenas 80 quilómetros.
"A entrega de auga estacional e mediada por tormentas de po á atmosfera superior podería xogar un papel substancial na evolución do clima marciano desde o seu estado cálido e húmido hai miles de millóns de anos ata o planeta frío e seco que observamos hoxe", apunta Stone.
As medicións de MAVEN suxiren que as fugas son moito máis altas do previsto. Durante o últimos mil millóns de anos, o quecemento estacional, as tormentas de po rexionais anuais e as supertormentas decenais provocaron que Marte perdese suficiente auga como para cubrir o planeta cun océano global de máis de medio metro de profundidade, estimaron os investigadores. Iso é só unha pequena porcentaxe da auga que Marte perdeu ao longo de toda a súa historia (o que sería suficiente para asolagar o planeta nun océano ata mesmo moitas decenas de metros de profundidade), di Stone, pero é a principal maneira pola que o planeta continúa secándose a día de hoxe.
Se te estás preguntando se a Terra pode sufrir a mesma sorte, a resposta é sinxela. A Terra si que perde constantemente auga debido a ese ’escape atmosférico’, pero o ritmo é demasiado lento como para que perigen os organismos terrestres. Aínda nos quedan uns 2.000 millóns de anos que gozar desta canica azul.
FONTE: Sarah Romero/muyinteresante.es/ciencia
0 comentarios