Blogia
vgomez

PETROVITA, UN NOVO MINERAL

PETROVITA, UN NOVO MINERAL

Detalle da petrovita / Universidade de San Petersburgo

Un mineral é unha substancia natural que ten unha composición química determinada e que adoita ter unha estrutura concreta. Isto diferénciao dunha rocha, que é unha mestura de varios minerais. Coñécense ao redor de 5.300 minerais, pero cada ano descóbrense entre 50 e 80 novas especies.

Esta semana, un estudo publicado en Mineralogical Magazine informou do descubrimento dun novo mineral, a petrovita, en chans volcánicos ao leste de Rusia. A súa fórmula química é Na10CaCu2(SO4)8, e caracterízase por formar agregados con forma esférica (globulares), de cristais con forma de táboa e que teñen inclusións gasosas.

O responsable do descubrimento é o Catedrático Stanislav Filatov, investigador na Universidade de San Petersburgo, en Rusia, que leva catro décadas investigando os minerais dun lugar moi especial: as conos de escoura e coadas de lava das fumarolas, unhas fisuras das que emanan gases  volcánicos, na remota Península de Kamchatka, entre o mar de Ojotsk e o mar de Bering. 

Ditas coadas son moi recentes e son unha oportunidade inigualable para atopar minerais pouco alterados, o que explica que nos últimos anos descubríronse unha ducia deles. Estas coadas formáronse nas dúas últimas grandes erupcións do volcán Tolbachik, que ocorreron entre 1975 e 1976 e 2012 e 2013.



O volcán Tolbachik é un volcán complexo, composto por dous volcáns, a esquerda e dereita

Os investigadores están sorprendidos porque o mineral achado ten no interior dos seus cristais unha inusual unión entre un átomo de cobre e sete átomos de osíxeno. "Esta coordinación é característica de só un puñado de compostos", dixo Filatov nun comunicado.

Ademais deses, o mineral tamén ten átomos de sulfuro de sodio, que, xunto ao cobre e ao osíxeno, forman unha estrutura porosa que permite o movemento de átomos de sodio a través de canles.

En opinión dos  xeólogos, esta estrutura quizais podería usarse como material para cátodos en baterias de ións de sodio.

Cren que bastaría con sintetizar un material no laboratorio que emulase a estrutura da petrovita pero que estivese enriquecido en átomos de cobre.

FONTE: abc.es/ciencia

0 comentarios