Blogia
vgomez

TÉCNICA PARA OBTER AUGA E COMBUSTIBLE EN MARTE

Panorámica de Marte tomada pola sonda Pathfinder en 1997 / NASA/JPL

As novelas de aventuras demostran que unha das formas máis frecuentes de morrer de sede é converterse nun náufrago e perderse nun océano de auga... salgada. En Marte, esta situación non sería distinta. Á parte das fríxidas temperaturas ou a abrasadora radiación, os futuros exploradores terán que lidar coa alta concentración de sal acumulado na auga marciana.

Isto resulta fundamental, cando a auga non se necesita só para beber, senón tamén para obter osíxeno (O2), co que respirar, e hidróxeno molecular (H2), que aproveitalo como combustible para foguetes. Estes ambiciosos obxectivos son posibles por medio da electrólise, que, como o seu nome indica, aplica electricidade para romper ou lisar as moléculas de auga (H2O). O problema é que normalmente o sal impide que os  electrolizadores funcionen.

De aí a que un equipo de científicos da Escola de Enxeñería McKelvey, da Universidade de Washington, en San Luís, Estados Unidos, esmeráronse precisamente en desenvolver un sistema para levar a cabo a electrólise con auga salobre ou salgada. Aínda por riba, o seu funcionamento foi posto a proba a temperaturas tipicamente marcianas, de -36º C. Os seus avances publicáronse na revista científica Proceedings of the National Academy of Sciences (PNAS).

Desde hai máis dunha década, en Marte detectouse a presenza de estanques subterráneos de auga líquida, a pesar das baixas temperaturas, grazas á presenza de altas concentracións de sales de perclorato de magnesio.

Dada a enorme distancia media á que se atopa Marte da Terra (unhas 600 veces máis que a distancia media entre a Lúa e a Terra), as futuras misións pasan porque os exploradores teñan capacidade de obter polo menos unha parte dos seus propios recursos in situ.

Por iso, o  rover Perserverance, que aterrará en Marte en febreiro, leva instrumentos para poñer a proba unha forma de obtención de osíxeno: Trátase do Mars Oxygen In- Situ Resource Utilization Experiment (MOXIE), un sistema capaz de producir osíxeno a partir do CO2 que hai na atmosfera do planeta vermello.

Nesta ocasión, o sistema desenvolvido por Vijay Ramani, director da investigación e compañía, é capaz de producir 25 veces máis osíxeno que MOXIE, usando a mesma enerxía, e encima producir hidróxeno, que pode ser usado como combustible para foguetes.

O secreto da «receita» do novo sistema está en empregar dous novos materiais para conseguir un cátodo e un ánodo que poidan traballar con temperaturas tan baixas, sen necesidade de quentar a auga, e con concentracións tan altas de sal como as de Marte: estes materiais son pirocloro de rutenato, no ánodo, e platino ou carbono, no cátodo. De feito, o seu rendemento permite que os sales sexan vantaxosas para este sistema, porque impiden que a auga se conxele e porque diminúen a resistencia eléctrica.

Dar cun electrolizador que traballe con auga fría e impura, que non vai ser desionizada, tamén pode ser moi vantaxoso na Terra. Isto sería ideal por exemplo para submarinos, que poderían obter o seu osíxeno da auga de mar circundante.

FONTE: abc.es/ciencia

0 comentarios