AVANCES CIENTÍFICOS DO 2020
O 31 de decembro de 2019, responsables de saúde na cidade chinesa de Wuhan daban a coñecer uns misteriosos casos de pneumonía. O 8 de xaneiro, o mundo enteiro xa sabía que se trataba dun novo coronavirus e só dous días despois, un grupo científico facía pública a secuencia xenética do que hoxe se coñece como SARS-CoV-2. En só cuestión de horas, comezou a procura dunha vacina contra o Covid-19. A revista Science recoñeceu este inxente esforzo como o avance científico máis importante de 2020. Non podía ser doutra maneira.
Aínda que o virus escureceu os logros noutros ámbitos científicos, tamén existiron. Science incluíu na súa lista os seguintes achados:
- Curar con tesoiras xenéticas: As revolucionarias tesoiras xenéticas CRISPR/Cas9, premio Nobel de Química diste ano, lograron o seu primeiro éxito clínico ao tratar dúas enfermidades hereditarias do sangue: a beta-talasemia, que provoca debilidade e esgotamento debido a que o corpo non fabrica hemoglobina con normalidade, e a anemia de células falciformes, que deforma os glóbulos vermellos bloqueando os vasos sanguíneos, causando dor severa, danos nos órganos e accidentes cerebrovasculares.
- Contra o racismo na ciencia: Co pano de fondo dos asasinatos policiais en EE.UU. e o movemento Lives Matter, a comunidade científica tamén se expuxo a necesidade de crear unha contorna no que o racismo non teña cabida. Science recoñeceu estas inciativas, que nas redes sociais comezaron co hashtag #BlackBirdersWeek despois dunha confrontación racial entre a dona branca dun can e un observador de paxaros negro en Central Park, Nova York, a finais de maio. Pronto, o hashtag foi seguido por outros en disciplinas desde a neurociencia ata a física, co fin de crear unha comunidade entre os científicos negros en Twitter, Zoom, e outras plataformas. O obxectivo, recoñecer a existencia do racismo sistémico na ciencia e provocar cambios para crear un espazo realmente igualitario.
- A orixe dos refachos máis misteriosos: Os estalidos rápidos de radio (FRB), son uns breves, impredicibles e potentísimos escintileos de ondas de radio que cruzan o espazo e cuxos orixes foron un misterio desde o seu achado hai trece anos. Pero o pasado abril, os astrónomos detectaron o primeiro FRB na nosa galaxia, a Vía Láctea, o suficientemente preto para poder examinar a escena, localizar a parte do ceo da que proviña e descubrir un magnetar escondido. O achado permitiu confirmar algo que xa se sospeitaba, que son os magnetares, estrelas de neutróns que colapsan ao tamaño dunha cidade e explotan con poderosos campos magnéticos, os que provocan estes misteriosos refachos.
- O destino climático da Terra: Durante 40 anos, os científicos do clima estimaron que se os humanos duplican o dióxido de carbono atmosférico (CO2) dos niveis preindustriais, o planeta quentarase entre 1,5 °C e 4,5 °C, un rango de temperatura que abarca da preocupación á catástrofe. Pero iste ano, nun esforzo histórico, un equipo de 25 científicos reduciu significativamente os límites deste factor crítico, coñecido como sensibilidade climática. A avaliación, realizada no marco do Programa Mundial de Investigación sobre o Clima (WCRP), admite un rango de quecemento probable de entre 2,6 °C e 3,9 °C. Para chegar a esta conclusión, tivéronse en conta as tendencias indicadas polo quecemento contemporáneo e leccións de climas antigos, entre outros factores. O estudo descarta algúns dos peores escenarios, pero case garante un quecemento que asolagará as cidades costeiras, intensificará as ondas de calor extremas e desprazará a millóns de persoas. Se temos sorte, esa claridade na predición podería impulsar a acción contra o cambio climático. A humanidade xa emitiu suficiente CO2 como para estar á metade do punto de duplicación de 560 partes por millón, algo que podería ocorrer en 2060.
- A intelixencia da aves: Os seus cerebros non son máis grandes que unha noz, pero dous estudos publicados este ano suxiren que as aves teñen «poderes mentais» sorprendentes. Un revela que unha parte do cerebro das pombas mensaxeiras e os bufosaseméllase máis do que se cría á neocorteza humana, a fonte da nosa intelixencia e pensamento complexo. Alí os nervios conéctanse dunha forma moi similar á que se ve nos cerebros humanos. A segunda investigación mostra que os corvos poden ser capaces dalgún pensamento consciente. Os investigadores adestraron ás aves para virar a cabeza cando vían certas secuencias de luces parpadeando no monitor dun computador. Eléctrodos no cerebro dos corvos detectaron actividade nerviosa no intervalo de tempo de ver o sinal e mover a cabeza, mesmo cando as luces eran apenas perceptibles. Os científicos cren que esa resposta neuronal é unha especie de consciencia primaria ou sensorial, unha representación mental do que viron os corvos. Trátase dunha forma rudimentaria da autoconsciencia que experimentan os seres humanos.
- VIH: Controladores de elite: O VIH, como todos os retrovirus, integra o seu material xenético en cromosomas humanos, creando reservorios onde pode esconderse, sen ser detectado polo sistema inmunolóxico e volvéndose invulnerable aos medicamentos antirretrovirais. Pero onde se esconde pode marcar a diferenza. Este ano, un estudo de 64 persoas infectadas que estiveron sas durante anos sen os medicamentos antirretrovirais (os chamados controladores de elite) revelan un vínculo entre o seu inusual éxito e o lugar onde o virus se atopa nos seus xenomas. Esta achado non conducirá directamente a unha cura, pero abre unha nova estratexia que outras persoas infectadas poidan vivir décadas sen tratamento.
- A arte figurativo máis antigo: Hai uns 44.000 anos, alguén pintou nunha cova de Sulawesi (Indonesia) oito figuras humanas con cabeza de animal no acto de atrapar a uns porcos verrugosos e búfalos ananos. A escena de caza é a primeira obra de arte figurativo creada polo home moderno, uns 4.000 anos máis antiga que calquera outra coñecida. O achado, ademais de desprazar definitivamente a Europa como o berce deste tipo de expresión artística, tamén podería supoñer o exemplo máis temperán da nosa capacidade para imaxinar a existencia de seres sobrenaturais.
- A IA desenreda as proteínas: A intelixencia artificial (IA) conseguiu resolver un dos maiores desafíos da bioloxía: predicir con precisión a forma 3D na que se dobra unha cadea de aminoácidos cando se converte nunha proteína funcional. E fíxoo tan ben como os experimentos de laboratorio. Como a forma precisa dunha proteína determina as súas funcións bioquímicas, o novo programa podería axudar aos investigadores para descubrir os mecanismos das enfermidades, desenvolver novos fármacos e mesmo crean plantas tolerantes á seca ou biocombustibles máis baratos.
- Superconductividade a temperatura ambiente: Tras décadas de procura, científicos estadounidenses atoparon o primeiro material que conduce a electricidade sen resistencia a temperatura ambiente: un composto de hidróxeno, carbono e xofre comprimido a unha presión (267 GPa) que se achega á do centro da Terra. O material, esmagado entre dous diamantes, actuou á perfección a case 14 ºC, a temperatura dunha habitación fría. O descubrimento pode iniciar o desenvolvemento de materiais capaces de aforrar grandes cantidades de enerxía desperdiciadas cando a electricidade móvese a través de cables.
FONTE: vis.sciencemag.org Imaxes tratadas procedentes de: vis.sciencemag.org
0 comentarios