O PAXARO MÁIS VELLO DO MUNDO
Reconstrución do "Archaeornithura meemannae", que viviu no cretácico temperán / ZONGDA ZHANG
Dous fósiles achados na China acaban de revelar que os paxaros propiamente ditos son seis millóns de anos máis antigos do que cría: remóntanse aos albores do cretácico, a era dos grandes dinosauros carnívoros.
Os dous fósiles definen a nova especie Archaeornithura meemannae, unha curiosa ave zancuda que, provisionalmente polo menos, debe considerarse o paxaro máis vello do mundo. Pertence á familia dos Ornithuromorpha, ou Euornithes (aves verdadeiras), que inclúe o máis recente antecesor común de todas as aves modernas. A presentación deste achado fíxose en Nature Communications.
Naquela época, non obstante, os Ornithuromorpha non eran as únicas aves. Compartían o ceo cretácico con outra gran familia, os Enantiornithes, ou "paxaros opostos", porque a súa escápula e outros ósos teñen a orientación invertida respecto aos Ornithuromorpha e a todas as aves actuais. Tamén debían ser máis agresivos, porque tiñan dentes no pico e poutas nas ás. Pero curiosamente, extinguíronse todos ao mesmo tempo que os dinosauros, hai 66 millóns de anos.
Esa grande extinción, asociada ao impacto dun meteorito xigantesco e unha orxía de erupcións volcánicas, marca o final do cretácico e a orixe dun novo mundo en que os mamíferos empezamos a dominar a terra firme. A extinción masiva non só varreu do mapa aos dinosauros e ás aves con dentes, senón tamén á metade das demais especies vivas da época, nun dos episodios Xeológicos máis violentos da historia do planeta.
Pero o recén descuberto Archaeornithura meemannae é moi anterior a todo iso, e puido datarse en 131 millóns de anos atrás, no Cretácico temperán. É unha época da que quedaron moi poucos espécimes de paxaros fósiles, e na que cada novo achado bota polo tanto unha luz fresca sobre os albores evolutivos das aves modernas. Todas as aves, actuais ou extintas, evolucionaron a partir dos dinosauros na era anterior, o xurásico.
Os dous fósiles foron desenterrados na conca de Sichaku, en Hebei, nordés de China. O seu excelente estado permite observar a plumaxe case completa, e as súas adaptacións aerodinámicas ao voo. Seguramente era unha ave acuática zancuda, segundo indican a lonxitude e a ausencia de plumas no segmento superior da pata (tibiotarso, na xerga). As plumas aí non dificultan o voo, pero si os longos paseos polas augas superficiais en busca do almorzo.
FONTE: Xornal El País/Ciencia
0 comentarios